Agustín Hernández insta ao alcalde a que deixe de empregar o nome de Santiago para "defender actuacións ilícitas"
  • "Que durante os seus tours rebeldes, non fale na súa condición de alcalde de Santiago nin no nome da cidade para animar a incumprir a lei", salienta
  • Anímao a que promova "unha iniciativa de apoio a todos eses rexedores e concelleiros cataláns que sofren unha coacción inaceptable nun estado democrático"
  • Considera que Compostela Aberta reaccionou "tarde, mal e a rastro" tras as cancelacións efectuadas por Ryanair e pídelle que "dea conta polo miúdo" da reunión mantida cos representantes da aérea

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2017. Tras a reunión mantida no día de onte entre a concelleira de Turismo e representantes da compañía aérea Ryanair, o portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, compareceu ante os medios de comunicación para lamentar que o encontro servise para "dar simplemente traslado do malestar" do Goberno local.

Neste senso, o representante popular salientou que "non temos moi claro que foi facer realmente a concelleira a Barcelona", xa que se descoñece con quen mantivo a reunión e cal é o resultado da mesma. Para Agustín Hernández, a edil de Turismo debería "dar conta polo miúdo das xestión realizadas e, tamén, informar dos efectos que tivo ou poden ter estas cancelacións nas posibles visitas ou eventos ligados ao turismo na nosa cidade e na ocupación hoteleira". Considerou que "Compostela Aberta reaccionou, unha vez máis, tarde, mal e a rastro" e lamentou que, en lugar de estar ao lado dos afectados, "bote balóns fóra, culpa a outras administracións e diga que non ten competencias". Neste senso, destacou que, a diferenza do concello que non puxo a disposición a oficina de consumo –que permanece pechada-, quen si soubo reaccionar a tempo e puxo os seus medios a disposición dos afectados foi a Xunta de Galicia.

Por outra banda, subliñou que á vista do acontecido habería que facer unha profunda reflexión ao respecto dos convenios de promoción turística asinados entre concellos e compañías aéreas. Neste punto, avoga por potenciar accións desde as cidades e desenvolver unha política clara e comprometida coa promoción do concello en mercados exteriores e emisores de visitantes a Santiago.

O tour rebelde

O portavoz popular, a raíz das sancións impostas ás persoas que se manifestaron de xeito irregular tras o desaloxo do edificio ocupado na Algalia, volveu insistir na gravidade que supón "animar aos cidadáns a incumprir a lei" e nas consecuencias de "situar a Santiago fóra da lei".

Instou ao alcalde a que deixe de "torcer a realidade do país" e de empregar o nome da cidade para "defender actuacións ilícitas": "Que durante os seus tours rebeldes –en referencia as viaxes desta fin de semana a Braga e Zaragoza-, non fale na súa condición de alcalde de Santiago nin no nome da cidade". "Que fale no nome de Compostela Aberta ou das Mareas Podemos –engadiu-, pero que non no nome de Santiago".

Neste senso, Agustín Hernández recordoulle ao alcalde que hai unha maioría na cidade –en referencia aos 25.073 votantes de PP e PSdeG, fronte aos 19.604 de Compostela Aberta e do BNG- que "non apoia as actitudes dos secesionistas cataláns nin defende as ilegalidades que se están a producir en Cataluña". É por iso que insta ao rexedor a que "rectifique, sexa rigoroso e non poña a Santiago fóra da lei". "Anímoo –engadiu- a que co mesmo interese que trouxo un acordo de apoio aos secesionistas, promova unha iniciativa de apoio a todos eses alcaldes e concelleiros que sofren unha coacción inaceptable nun estado democrático".

Área Santiago

Para finalizar, referiuse ao intento de Compostela Aberta por culpar ao Partido Popular do fracaso na aprobación do convenio de Área Santiago: "A responsabilidade de levar un expediente ao pleno é do goberno". "A única culpable da situación de Área Santiago é a concelleira e, por extensión, o alcalde", destacou o portavoz popular, que insta ao Goberno a "facer os deberes, resolver os problemas existentes no expediente e formular unha solución ao resto dos concellos que forman parte desta área".  Acusa a Compostela Aberta de "pasotismo", de "non prepararse os temas" e de "non tentar buscar consensos" para que os asuntos saian adiante.

O portavoz popular quixo subliñar unha vez máis que o compromiso do Partido Popular con Área Santiago está máis que claro: en febreiro de 2016, solicitou o seu impulso a través dunha iniciativa no pleno, no mes de abril deste ano, preguntou pola data de sinatura do convenio –a concelleira de turismo aseguraba que sería o oito de maio-; e, en agosto, á vista de que non se tiña realizado ningunha xestión, volveuse interesar por esta cuestión.