O grupo popular pregunta ao Goberno local pola "corta masiva e indiscriminada" de árbores en Lamas de Abade
  • María Antón sinala o contraste desta actuación "radical e extrema" na finca co abandono entre silvas e maleza da capela da Divina Pastora situada enfronte

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2017. A concelleira do Grupo Municipal Popular, María Antón, a través dunha pregunta ao Goberno local, demanda información pola corta masiva e indiscriminada de árbores nunha finca municipal en Lamas de Abade. Tal e como pon de manifesto, "resulta sorprendente que o Goberno local decidira unha actuación deste tipo nunha superficie de máis de 5.000 metros cadrados onde, á beira de eucaliptos, convivían outras árbores como piñeiros, que foron arrasadas, deixando a totalidade do terreo sen apenas vexetación".

Para o Grupo Popular causa sorpresa a "radical e extrema actuación" municipal nesta parcela, mentres enfronte se mantén no máis absoluto abandono unha centenaria edificación relixiosa na que as silvas e a abundante maleza taponan a entrada e inzan pola súa portada. A limpeza desta finca de Lamas de Abade fora incluída nunha iniciativa do Grupo Popular, aprobada por unanimidade no pleno municipal do pasado mes de maio, para poñer en valor a extensa superficie ocupada polo viveiro municipal, onde se erguen varias edificacións de interese histórico-artístico, entre elas un pazo, hórreo, pombal e a capela da Divina Pastora, datada en 1828.

A iniciativa que presenta o Grupo Popular solicita os detalles de quen cursou a orde da corta, quen a supervisou e se está actuación contaba con todas as autorizacións precisas. Igualmente, demanda as previsións para o acondicionamento do terreo esquilmado e os motivos polos que non se procedeu á limpeza da capela da Divina Pastora situada á beira desta finca municipal.