María Corral insta ao Goberno local a que "renda contas" sobre a eficacia da ordenanza social 'Compostela Máis'
  • A concelleira popular solicita a convocatoria da comisión que avalía e controla o grado de execución da ordenanza, co fin de coñecer as persoas beneficiarias das axudas concedidas  e os itinerarios de inserción previstos
  • "Durante a campaña electoral, debuxaron un concello sen sensibilidade social e unha cidade con alto índice de pobreza. Pois ben, queremos ver na súa xestión as prometidas políticas sociais", destacou
  • Felicita ao Departamento de Política Lingüística, logo de que o proxecto Apego –posto en marcha durante o goberno de Agustín Hernández- recibira o galardón dos Premios da Cultura Galega deste ano

Santiago de Compostela, 02 de outubro de 2017. A concelleira do Grupo Municipal Popular, María Corral, insta ao Goberno de Compostela Aberta a que por "rigor e transparencia" renda contas da "eficacia e eficiencia" das políticas sociais actuais, especialmente, da Ordenanza de Garantía Básica Cidadá ('Compostela Máis').

Neste senso, informou de que, esta mesma mañá, presentaron por rexistro un escrito dirixido ao alcalde para que requira á concelleira de Servizos Sociais a que convoque de inmediato a Comisión que avalía e controla o grado de execución de dita norma: "Tras máis dun ano despois de que 'Compostela Máis' entrase en vigor, e tendo en conta que esta comisión se tiña que convocar cada seis meses, urxe poñer en marcha este mecanismo para valorar e controlar a execución das axudas sociais". "Hai que medir –engadiu- a eficiencia e a eficacia das axudas postas en marcha por este goberno, que non tivo ningún reparo, hai máis de dous anos, en pintar unha administración insensible e unha cidade cun índice de exclusión e pobreza espeluznantes".

Tal e como salientou María Corral, Compostela Aberta está a incumprir o texto da súa propia norma: "É preciso que se convoque canto antes esta comisión, co fin de que se transparente o número de persoas que perciben axudas municipais, as características concretas dos usuarios para recoñecer onde están os casos de exclusión e pobreza e se as ferramentas actuais son eficaces e que itinerarios de insercións se están a poñer en marcha, así como tamén o tempo de tramitación das axudas".

En xuño de 2016, aprobouse a Ordenanza Compostela Máis, tras unha reformulación ideolóxica da xa existente 'Santiago Suma' -a primeira renda básica de carácter municipal en Galicia-, posta en marcha polo goberno de Agustín Hernández. Tal e como advertiu María Corral, a nova norma establece a creación de dúas comisións: unha de seguimento, formada por técnicos do concello e cuxa función é a de avaliar a implantación da renda e o seu seguimento orzamentario; e outra mixta, formada polos membros da anterior ademais dunha persoa de cada partido político, que ten por obxecto avaliar e controlar a execución da norma, cunha periodicidade semestral. "Descoñezo se a primeira se convocou nalgunha ocasión e se está desenvolvendo algunha función. O que si sei é que da segunda, coa ordenanza en vigor desde hai máis dun ano, non se convocou nin a primeira xuntanza, cando se debería ter convocada dúas", lamentou.

Recordou que durante a campaña electoral, Compostela Aberta e, especialmente, Martiño Noriega chegaron a afirmar que un 18,7% da poboación de Santiago, máis de 18.000 veciños, vivían en risco de pobreza e de exclusión social: "Debuxaron un concello sen sensibilidade social e unha cidade con alto índice de pobreza. Pois ben, queremos ver na súa xestión as prometidas políticas sociais". "Chegaron ao goberno –continuou-, destruíron o programa social que existía polo mero feito de ter sido aprobado polo Partido Popular e comezaron un camiño de demagoxia e marketing do que, agora, hai que render contas".

"Longa vida ao programa Apego"

Por outra banda, a concelleira popular aproveitou para felicitar ao Departamento de Política Lingüística, logo de que o proxecto Apego recibira o galardón dos Premios da Cultura Galega deste ano. Tal e como recordou, é un programa dirixido fomentar o galego como lingua inicial de nenos e nenas, a mellorar a súa transmisión e a buscar o seu emprego de maneira habitual. "Estou especialmente contenta e satisfeita por este premio, porque vivín o seu nacemento no 2014, cando Agustín Hernández asinou o primeiro convenio entre doce concellos e, hoxe, xa van trinta”, salientou. “Longa vida ao programa Apego –engadiu- e parabéns aos equipos de lingua dos concellos que traballan cada día no seu perfeccionamento".