O Grupo Popular demanda a limpeza e mellora da fonte e lavadoiro de Conxo de Abaixo
  • A concelleira Pepa Castro sinala a incoherencia do Goberno local que organiza visitas a estes elementos patrimoniais mentres se desentende do seu coidado

Santiago de Compostela, 03 de outubro de 2017. A concelleira do Grupo Municipal Popular, María José Castro, presentará unha iniciativa no pleno municipal do vindeiro mes de outubro para reclamar a limpeza da fonte e o lavadoiro de Conxo de Abaixo -preto do paso inferior da SC-20 que comunica con Volta do Castro-, que se atopa nun estado de completo abandono desde hai meses.

A intención da concelleira popular é que o Goberno local procede a rozar a maleza que invade o conxunto impedindo un cómodo acceso, que acondicione o seu contorno, onde se amorean distintos materiais de construción, e se repoña o subministro de auga do que carece na actualidade.

Para o Grupo Popular, a situación deste conxunto etnográfico é unha mostra máis da incoherencia e o abandono do Goberno de Compostela Aberta, posto que mentres organiza actos culturais arredor destes elementos patrimoniais, procedendo á limpeza puntual dalgún para a ocasión, mantén no máis absoluto esquecemento a maioría deles, a pesar de constituír singulares mostras etnográficas e ocupar unha posición central en moitos barrios e lugares do Concello. Conforme a ese interese, o grupo popular ten presentado diversas iniciativas para o mantemento das fontes e lavadoiros públicos, entre elas a realización dun inventario municipal que debería servir para planificar a súa recuperación e asegurar o seu coidado.