• O Grupo Municipal que dirixe Agustín Hernández solicita coñecer a canto ascendeu o custo do servizo especial para o Banquete de Conxo • O operador de transporte urbano ofrece diversas alternativas para achegarse a Conxo, e, ademais, está en condicións de realizar servizos especiais a un prezo presumiblemente menor que o resultante da contratación dunha empresa diferente á que presta o servizo de forma habitual • O Grupo Municipal Popular tamén quere saber se o Goberno de Compostela Aberta está a facer pagamentos a conta mensuais, tal e como está previsto no prego Santiago de Compostela, 11 de maio de 2018. O Grupo Municipal Popular preguntará no vindeiro Pleno ordinario ao Goberno de Martiño Noriega cal foi o motivo de que o servizo de transporte público entre a rúa da Rosa e o barrio de Conxo para asistir aos actos conmemorativos do Banquete de Conxo, os días 21 e 22 de abril, non fora prestado polo operador urbano. Para os Populares, o Goberno de Compostela Aberta non ten a capacidade de xestionar correctamente ningún servizo do Concello, polo que é esencial que, neste caso, explique as irregularidades coas que está a tratar o servizo de transporte público da capital de Galicia. Así mesmo, o Grupo Municipal que dirixe Agustín Hernández tamén solicita coñecer a canto ascendeu o custo deste servizo. Esta decisión resulta sorprendente, xa que o operador de transporte urbano, ademais de xestionar unha concesión, ofrece diversas alternativas para achegarse a Conxo, e, ademais, está en condicións de realizar servizos especiais a un prezo presumiblemente menor que o resultante da contratación dunha empresa diferente á que presta o transporte urbano en Santiago. Lembrar que, con ocasión da conmemoración do Banquete de Conxo, celebrada nas xornadas do 21 e 22 de abril, o Goberno municipal contratou a unha compañía de autobuses a fin de que prestase a longo de dous días o servizo de transporte público entre a Rúa da Rosa e o barrio de Conxo. Por outra parte e en relación co tan mal tratado polo Goberno municipal transporte público de Santiago, o Grupo Municipal Popular tamén quere saber se o Goberno de Compostela Aberta está a facer pagamentos a conta mensuais, tal e como está previsto no prego, ou, polo contrario, estanse a acumular cantidades pendentes á operadora de transporte. Neste último caso, é imprescindible coñecer qué cantidades se lle adebedarían a día de hoxe, desde cando e a qué se debería o atraso no pagamento, o que supón outro exemplo de mala xestión de Compostela Aberta, que parece que todo o que toca remata embarullado. Hai que lembrar que, consonte ao artigo 32 do prego integrado no contrato da xestión de servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros, o Concello ten que aboar cada mes a doceava parte do 90% da compensación anual autorizada, tal e como se veu facendo durante a vixencia inequívoca do contrato.