>
  • Para os Populares, faise necesario reducir ou limitar a altura das plantas nas rotondas e medianeiras das vías, xa que hai algúns arbustos que, polo seu crecemento, impiden a correcta e imprescindible visibilidade de vehículos e peóns
  • O grupo que dirixe Agustín Hernández lembra que hai xa 3 anos desde que o Partido Popular presentara unha iniciativa para a mellora da seguridade viaria en distintos puntos da cidade
  • Os Populares insisten que ante o desleixo de Compostela Aberta, vense na obriga de reiterar a petición para esa mesma zona da rotonda da rúa do Hórreo, onde o medre dos arbustos volve dificultar a visión
  • Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2018. O Grupo Municipal Popular solicitará no vindeiro Pleno ordinario que o Goberno de Compostela Aberta leve a cabo unha mellora na medianeira da rúa do Hórreo, concretamente fronte a estación ferroviaria.

    Para os Populares, faise necesario reducir ou limitar a altura das plantas nas distintas rotondas e medianeiras das vías, xa que hai algúns arbustos que, polo seu crecemento, impiden a correcta e imprescindible visibilidade de vehículos e peóns, o que supón un perigo evidente.

    O grupo que dirixe Agustín Hernández lembra que hai xa 3 anos desde que o Partido Popular presentara unha iniciativa para a mellora da seguridade viaria en distintos puntos da cidade, advertindo da necesidade de revisar periodicamente a situación das vías, para evitar circunstancias que dificulten ou reduzan as condicións de visibilidade.

    Daquela mencionábase o caso do xardín central da medianeira da Avenida de Lugo, fronte ás escaleiras de acceso á estación ferroviaria, onde a altura dos arbustos existentes viñan causando grandes dificultades para unha correcta visión do tránsito na súa contorna, de forma moi especial á hora de ver os vehículos que se incorporan á rotonda desde a rúa do Hórreo.

    Os Populares insisten que ante a desleixo de Compostela Aberta, vense na obriga de reiterar a petición para esa mesma zona da rotonda da rúa do Hórreo, onde o medre dos arbustos volve dificultar a visión, e para outras zonas nas que poidan darse circunstancias semellantes.