>
  • Os Populares formulan esta petición despois de escoitar as demandas dos veciños desta parroquia
  • O Executivo local debe instalar, canto antes, puntos de iluminación de baixo consumo e máxima eficiencia lumínica, para que esta zona teña a luz necesaria, como complemento das melloras realizadas nos últimos anos
  • O Grupo que dirixe Agustín Hernández, lembra que este conxunto construtivo, foi obxecto recentemente dunha actuación de rehabilitación por parte do Consorcio de Santiago
  • Con anterioridade e co Grupo Popular no Goberno municipal, tamén se tiña acondicionado por parte do Concello a praza pública anexa á igrexa e cemiterio, para estacionamento público e usos comúns, incluíndo a reparación dos accesos, e a mellora da rede de recollida de augas, entre outros elementos

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2018. O Grupo Municipal Popular presentará no vindeiro Pleno ordinario un rogo para que o Goberno de Martiño Noriega proceda a mellorar a iluminación no recinto público anexo á igrexa e cemiterio da Barciela. Os Populares formulan esta petición despois de escoitar as demandas dos veciños desta parroquia, polo que insta a Compostela Aberta a proceder á instalación, canto antes, de puntos de iluminación de baixo consumo e máxima eficiencia lumínica, para que esta zona teña a luz necesaria, como complemento das melloras realizadas nos últimos anos.

No recinto, que comparten a igrexa e o cemiterio, atópase tamén o campo da festa, cunha explanada duns 2.000 metros cadrados que, exceptuando as catro farolas adosadas ao ángulos da igrexa, carece de iluminación, o que supón un detrimento no tempo de uso deste recinto e da súa seguridade.

Por este motivo, e tendo en conta a gran tradición de celebracións, como o San Brais, o Santísimo Sacramento, a Santa Eufemia ou o propio patrón Santo Andrés, que ao longo do ano convocan nese lugar á veciñanza e visitantes, os Populares consideran que o Goberno de CA debe ter en conta as peticións de veciños e usuarios.

              

O Grupo que dirixe Agustín Hernández, lembra que a centenaria igrexa parroquial de Santo André da Barciela, foi obxecto recentemente dunha actuación de rehabilitación por parte do Consorcio de Santiago que mellorou a súa cuberta e as súas fachadas no exterior e a retablos do seu interior.

Con anterioridade e co Grupo Popular no Goberno municipal, entre finais de 2014 e o 2015 tamén se tiña acondicionado por parte do Concello a praza pública anexa á igrexa e cemiterio para estacionamento público e usos comúns, incluíndo a reparación dos accesos, a mellora da rede de recollida de augas con baixantes, drenaxes e reixas; unha nova sinalización, a plantación de árbores e unha limpeza xeral da súa contorna.