>
  • No pasado Pleno do mes de novembro, aprobouse unha moción do Partido Popular na que se solicitaba a organización dunha lectura pública do texto constitucional
  • Os populares propoñían organizar unha xornada a celebrar entre os días 3 e 9 deste mes, pero parece que, como todo o aprobado neste organismo municipal, “cae no esquecemento”
  • A día de hoxe e tendo en conta que contamos por diante con días non lectivos para os escolares e que o 9 é este mesmo domingo, nada se ten feito para levar a cabo o que se aprobou en dito Pleno, máximo órgano de decisión do Concello
  • Esta situación non por repetida deixa de sorprender, porque o equipo de Martiño Noriega, por enésima vez, “o que fai é subliñar o seu total desleixo polo acordado no Pleno, único que esta sexa a propia maneira de CA de conmemorar a Constitución, facendo un claro desprezo polo acordado polos máximos representantes dos veciños de Santiago”

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2018. O Goberno de Martiño Noriega ten decidido ignorar a celebración do 40 aniversario da Constitución española e “pasa” de organizar ningún acto de conmemoración desta importante data. No pasado Pleno ordinario do mes de novembro, aprobárase unha moción do Partido Popular na que se solicitaba a organización dunha lectura pública do texto constitucional nunha xornada divulgativa, na semana entre o 3 e 9 de decembro, contando coa participación de membros da Corporación e escolares.

O Grupo Municipal Popular consideraba que esta actividade podería ter como escenario a Praza da Constitución e se invitaría a todos os centros de ensino radicados no municipio, polo que sería imprescindible a súa divulgación para convidar, ademais, a toda a cidadanía, institucións e entidades, a sumarse a este acto público.

A día de hoxe e tendo en conta que contamos por diante con días festivos non lectivos para os escolares e que o día 9 é este mesmo domingo, nada se ten feito para levar a cabo o que se aprobou en dito Pleno, máximo órgano do Concello.

Esta situación non por repetida deixa de sorprender, porque o equipo de Martiño Noriega, por enésima vez, “o que fai é subliñar o seu total desprezo polo acordado no Pleno, único que esta sexa a propia maneira de CA de conmemorar a Constitución, facendo un claro desprezo polo acordado polos máximos representantes dos veciños de Santiago”.

Cabe lembrarlle ao alcalde que o Concello de Santiago o ano pasado, a través dunha iniciativa presentada polo Partido Popular, xa acordara sumarse á iniciativa posta en marcha polo Congreso e o Senado para divulgar o contido da Constitución e renderlle homenaxe a todos aqueles que participaron na súa elaboración e aprobación. Aínda que recentemente se ten inaugurado en Santiago unha exposición fotográfica, organizada polas Cortes Xerais en colaboración coa Axencia EFE, titulada “40 años de España en democracia”, por parte do Concello non temos constancia da preparación de ningunha iniciativa de divulgación de cara ao día 6 de decembro.

Os Populares, para dar cumprimento ao aprobado en novembro de 2017, no que o Concello asumía “o compromiso de realizar, no uso das competencias propias, as actividades que se consideren oportunas, buscando a participación de toda a cidadanía”, propuxeron a organización de dita xornada.

40 aniversario da Constitución Española

Este ano celébrase o cuadraxésimo aniversario da Constitución Española, data de referencia é o 6 de decembro, posto que tal día como ese en 1978 o conxunto da cidadanía española outorgoulle un apoio maioritario, concretado nun 88% dos votos, ao proxecto aprobado polas Cortes Xerais que foran electas democraticamente o 15 de xuño de 1977.

O período percorrido ata ese referendo foi un exemplo de convivencia, de entendemento e de responsabilidade que desde entón converteu a España en modelo para aqueles países que inmersos nun proceso de cambio desde o autoritarismo cara a un democracia rexida polo imperio da lei emanada do pobo e fundamentada na participación, o pluralismo e a defensa dos dereitos e liberades públicas.

A pesar das distintas formulacións ideolóxicas existentes houbo un gran consenso entre as forzas políticas, marcado polos desexos de convivencia e de superación dos enfrontamentos do pasado, que permitiu avanzar de forma inequívoca na construción dunha democracia moderna, con ampla autonomía e descentralización na súa estrutura organizativa e con mecanismos de solidariedade que contribuíran a garantir a igualdade e o benestar no conxunto da poboación.

Transcorridas catro décadas, todo o proceso e o comportamento exemplar da cidadanía que nos ten permitido acadar os niveis de benestar e calidade de vida, deberan merecer o recoñecemento e a celebración por parte das institucións, para promover o contido da Constitución e transmitirlle ás xeracións futuras o espírito de concordia que presidiu a súa xestación.