>
  • A voceira Popular remarcou que “hai xa moitos anos, que o Concello de Santiago executa programas de atención a persoas sen fogar, isto non é patrimonio de CA, nin foi unha idea da señora Fernández”
  • Corral lembrou que na cidade existen, desde hai anos, veciños anónimos que saen ás rúas a atender ás persoas sen fogar, todo un exemplo de solidariedade, “non escoitei nunca á concelleira facer un recoñecemento a estas persoas”
  • Para os Populares, unha das cousas máis graves que ven facendo o Goberno de CA é destinar os recursos dos santiagueses “sen ton nin son”, supostamente en atención a persoas sen fogar, cando é obvio que as súas políticas non teñen ningunha eficacia, porque a situación non mellorou
  • O PP cre que é imprescindible que Fernández se deixe de facer estudos macrosociais a conta dos veciños de Santiago; que “faga a súa carreira política a cargo do seu partido político, que deixe de tecer unha rede clientelar e, sobre todo, que deixe a soberbia e que se reconcilie coa humildade”
  • Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2018. O concelleira do Grupo Municipal Popular, María Corral, pediulle hoxe en rolda de prensa á concelleira de Política Social, Concha Fernández, que “deixe de facer política coas persoas sen fogar” e que traballe para arranxar “os constantes conflitos que provoca nas áreas da súa competencia”. Corral manifestou que esta situación ten que ser tratada “coa máxima delicadeza, pudor e cariño, pero nada disto está presente na maneira de facer política de Compostela Aberta”.

    Nos últimos anos con distintos gobernos e en Santiago, pódense identificar ao redor de 20 persoas nesta situación que “non merecen ser tratadas como cifras”. Estas persoas nada teñen que ver con outras que están de paso, nin automaticamente con aquelas que provocan problemas de convivencia en certos lugares, aínda que nalgunha ocasión tivesen coincidido.

    A voceira Popular remarcou que “hai xa moitos anos, que o Concello de Santiago executa programas de atención a persoas sen fogar, isto non é patrimonio de Compostela Aberta, nin foi unha idea da señora Fernández”. “O que nunca acontecera antes é que se fixera tanta utilización política destas persoas e da súa situación”, aclarou.

    Na súa intervención, María Corral subliñou que “todos os gobernos anteriores atenderon as mesmas necesidades con menos publicidade, sabendo que se estaban tratando situacións delicadas e persoas en extrema vulnerabilidade”. Para a actual concelleira de Política Social, esta discreción “foi confundida intencionadamente, co fin de abandeirarse como a pioneira en programas de atención a persoas sen fogar, o que é absolutamente falso”.

    Corral lembrou que na cidade existen, desde hai moitos anos, veciños anónimos que saen ás rúas a atender ás persoas sen fogar, todo un exemplo de solidariedade da cidade, “non escoitei nunca á concelleira facer un recoñecemento a estas persoas”.

    Falta de consideración absoluta cara o corpo funcionarial

    A Popular dixo que o Goberno de CA e a Concelleira Fernández en particular, veu facendo política coas persoas sen fogar aparecendo ante os medios de comunicación e ante o mundo “como a primeira e única política da historia deste Concello en levar a cabo programas de atención a persoas sen fogar, algo completamente falso; ou mantendo unha falta de consideración absoluta cara o corpo funcionarial da súa propia Concellaría, que ven desenvolvendo estes programas dende hai anos”.

    Así mesmo, remarcou Corral, “Fernández ten transformando a situación de 15 persoas nun eslógan político, so para alimentar o seu propio ego e para agachar que, en 4 anos de lexislatura, nada ten feito nin polos sen fogar, nin pola UMAD, nin polo servizo de Axuda no Fogar, nin polos Centros Socio Culturais, nin polos problemas de convivencia na Praza do Toural, etc. etc. Só se move pola súa ambición política e por outros espurios intereses”.

    Para os Populares, unha das cousas máis graves que ven facendo o Goberno de CA é destinar os recursos dos santiagueses “sen ton nin son”, cando é obvio que as súas políticas non teñen ningunha eficacia, porque a situación non mellorou. Fixo estudos e proxectos, que como lembrou María Corral, están externalizados a través de contratos menores, evitando que os fagan as funcionarias da Concellaría, que son as que coñecen a realidade de Santiago e que estan dentro das súas funcións.

    En relación a todo isto, o Grupo Popular pregunta cal é o Plan da Concelleira para sacar da rúa ás 15 persoas, cando non foi capaz de facelo en 4 anos, pero parece que Fernández non entende que non se está a falar de números, polo que “non vale investir por investir, ás veces non é preciso gastar para atender, abonda con ter ganas de verdade de resolver problemas”.

    No transcurso da rolda de prensa, a representante do PP subliñou que a concelleira “non está lexitimada para empregar os recursos dos veciños arbitrariamente, usando problemas sociais reais, con nome e apelidos, para facer políticas valeiras de solucións, debe ter respecto polos seus propios funcionarios, abandonando esa teima que ten externalizar servizos que poden facer, con maior calidade, traballadores do Concello, que coñecen a realidade de Santiago”.

    Por último, María Corral pediulle a representante de CA que se faga unha diagnose individual de cada caso e, en función diso prestar toda a axuda necesaria para recuperar o rumbo da vida de cada unha desas persoas, desde o Concello coa axuda de todas as administracións e colectivos implicados nesta situación.

    Para os Populares, é imprescindible que Fernández se deixe de facer estudos macrosociais a conta dos veciños de Santiago, que se ocupe dos problemas reais que están dentro das fronteiras competenciais locais e que “faga a súa carreira política a cargo do seu partido político, que deixe de tecer unha rede clientelar e, sobre todo, que deixe a soberbia e que se reconcilie coa humildade, facendo políticas sociais con sentido común e corazón”.