>
  • O Goberno de Martiño Noriega está a ser incapaz de sacar adiante un dos instrumentos fundamentais para solucionar a maioría dos problemas desta zona, como é o Plan Especial do Casco Histórico, un documento que o PP deixou contratado cando gobernaba no Pazo de Raxoi
  • Para o grupo que dirixe Agustín Hernández, un dos problemas máis graves é o abandono das persoas que viven na rúa e que precisan atención personalizada por parte do Executivo Local
  • Outras das reclamacións das xentes que viven no Casco Histórico son: a acumulación de lixo, os problemas de tráfico; e a inseguridade, a ocultación do cableado das fachadas ou conseguir que as novas tecnoloxías funcionen como en calquera cidade do século XXI
  • Os Populares tamén reclaman a posta en marcha dunha política de incrementos económicos para mellorar e facilitar a implantación de actividades económicas, así como a rehabilitación dos edificios
  • Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2019. O Grupo Municipal do Partido Popular vén de publicar e repartir un novo díptico no que denuncian o estado de abandono dalgunhas zonas do Casco Histórico de Santiago. Esta publicación recolle numerosas queixas que teñen trasladado os veciños, desde hai xa tempo, e que o Goberno de Compostela Aberta segue sen poñer remedio, co que o deterioro destas rúas vai en aumento.

    O Goberno de Martiño Noriega está a ser incapaz de sacar adiante un dos instrumentos fundamentais para solucionar a maioría dos problemas desta zona, como é o Plan Especial do Casco Histórico, un documento que o Partido Popular deixou contratado cando gobernaba no Pazo de Raxoi. Polo que é imprescindible que CA proceda ao urxente desbloqueo deste Plan e elabore un documento que contemple toda as necesidades, polo que debe ser consensuado e nacer para perdurar.

    So cun paseo pola zona máis emblemática da cidade, pódese comprobar como está a padecer o desgoberno de Martiño Noriega, o que, nos seus case catro anos de mandato, so foi quen de darlle as costas a esta zona. Para o grupo que dirixe Agustín Hernández un dos problemas máis graves é o abandono das persoas que viven na rúa e que precisan atención personalizada por parte do Executivo Local, que parece máis preocupado polo xestos que polos feitos, o que está a provocar graves problemas de convivencia. Para elo, precísase unha atención singularizada a estas persoas.

    Os Populares denuncian tamén que existe un desinterese absoluto e comprobado polo turismo, que Compostela Aberta ve como un problema e non coma unha oportunidade.

    Así mesmo, son moitas as reclamacións das xentes que viven no Casco Histórico, que día a día ven como aumentan situacións como a acumulación de lixo, os problemas de tráfico, que debería ser regulado o mesmo que os estacionamentos, especialmente nos horarios de carga e descarga de mercadorías; e a inseguridade. Ademais de ser incapaces de ocultar o cableado das fachadas ou conseguir que as novas tecnoloxías funcionen como en calquera cidade do século XXI.

    Por outra banda, os Populares tamén reclaman a posta en marcha dunha política de incrementos económicos para mellorar e facilitar a implantación de actividades económicas, así como a rehabilitación dos edificios.

    A inacción e o desleixo do Goberno de Compostela Aberta chega a o grao de deixar de cumprir as súas propias promesas como poñer en valor un lugar emblemático como a Alameda.

    Como xa fixera cos barrios de Vite, Fontiñas e San Lourenzo, o grupo que dirixe Agustín Hernández quixo facer público todas as deficiencias desta zona, co fin de que o Goberno que dirixe Martiño Noriega teña a ben buscarlle unha solución a todas elas e non se manteña, como ata o de agora, ás costas das reclamacións dos habitantes desta área de Santiago.