>
  • O Grupo Municipal Popular advirte que “o Goberno de CA vén de iniciar os ensaios frívolos doutro teatriño municipalizador”
  • Na xuntanza mantida hoxe, tamén se descubriu que a comisión técnica, nomeada a finais do ano 2016, para realizar o “control da execución do contrato coa actual empresa concesionaria, non xerou a máis mínima documentación, nin sequera un acta
  • O Goberno de Martiño Noriega convocou á Comisión integrada por técnicos e representantes políticos, sen ter definidas as normas de funcionamento da mesma
  • Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2019. A Comisión da Auga, integrada por técnicos e concelleiros, e que ten que será a encargada de elaborar a memoria xustificativa da forma máis sostible e eficiente posible dos servizos de abastecemento e saneamento da auga, desvinculouse hoxe da ”proposta de consultoría externa”, formulada polo Goberno de Compostela Aberta no terceiro punto da orde do día.

    Aínda aceptando a contratación dunha empresa externa que leve a cabo os correspondentes estudos, a Comisión non asumiu como propia a proposta realizada polo Executivo de Martiño Noriega.

    Neste senso o concelleiro e representante do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, destacou que, ademais de botar en falta un traballo previo de auditoría ou de diagnóstico actual do servizo, a contratación “a dedo” da empresa escollida polo Goberno de Compostela Aberta “non garante nin a obxectividade, nin o rigor dos traballos, condicións que si quedarían garantidas cun procedemento de contratación que posibilitase a presentación de varias ofertas e que lles esixiría ás mesmas uns mínimos, a través dunhas prescricións técnicas”.

    A ausencia de detalle dos estudos que realizará dita empresa indica que “CA vén de iniciar os ensaios frívolos doutro teatriño municipalizador” e, o feito de que os traballos de estudos relativos a un servizo de tanta complexidade se limiten a oito semanas, fai sospeitar que os mesmos adecúanse aos “ritmos electorais de Compostela Aberta”.

    “Paripé no control”

    Esta primeira reunión da Comisión para o estudo da forma máis eficiente dos servizos relativos ao ciclo integral da auga si serviu para descubrir que a Comisión técnica creada hai dous anos, concretamente, o 21 de decembro de 2016, polo propio Alcalde, co fin de realizar “o control da execución do contrato vixente coa actual empresa concesionaria”, non xerou a máis mínima documentación, nin sequera un acta, tal e como recoñeceu o concelleiro Xan Duro a preguntas do representante do Grupo Municipal do Partido Popular.

    Unha comisión sen normas claras de funcionamento

    Constituída a Comisión, primeiro punto da convocatoria, o segundo punto da orde do día, a “aprobación das normas de funcionamento” da nova comisión quedou sobre a mesa, ao advertir o representante do PP, a insuficiencia das mesmas, no que atinxe, por exemplo á antelación das convocatorias, á suficiencia dos membros que teñen que estar presentes ou a maioría requerida, entre outros asuntos.

    Tras poñerse de manifesto que, a escueta fórmula do Goberno de Compostela Aberta de remitirse a normativa superior resultaba confusa, o concelleiro de Medio Ambiente e presidente da Comisión viuse obrigado a deixar sobre a mesa a aprobación deste punto, á espera de poder definir e clarificar as normas do referido órgano.