• O Grupo que dirixe Agustín Hernández considera que o Goberno de Martiño Noriega ten que instar ao Executivo central para que manteña nas contas de 2019 o apoio programado para as actividades do Consorcio de Santiago, sobre todo, ás vinculadas ao Ano Santo Xacobeo 2021 e á Catedral
  • Desatenden actuacións de gran transcendencia, como a Estación Intermodal, o enlace Orbital ou a nova depuradora
  • A pesar de que o Goberno socialista xurdido da moción de censura asumiu o orzamento de 2018, feito polo Goberno do PP, esta disposición non só non se fixo efectiva, senón que nas previsións do 2019 foi eliminada de forma inesperada e inmotivada
  • Esa vontade, que viña a potenciar unha achega de 4,55 M E comprometida para o Consorcio en 2018, aparecía recollida na Disposición Adicional 135

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2019. O Grupo Municipal Popular presentará no vindeiro Pleno deste mes de febreiro unha moción para que o Goberno de Martiño Noriega proceda a facer o necesario para levar a cabo a recuperación da disposición adicional de apoio ao Consorcio de Santiago nos orzamentos do Estado para este mesmo ano.

O Grupo que dirixe Agustín Hernández considera que o Goberno de Compostela Aberta ten que instar ao Executivo do socialista Pedro Sánchez e ao resto de grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados e do Senado, co fin de que inclúan nas contas de 2019 o texto da disposición adicional 135, contida na Lei de Orzamentos do Estado para o ano 2018, na que se solicitaba apoio para as actividades do Consorcio de Santiago, sobre todo, ás vinculadas ao Ano Santo Xacobeo 2021 e á Catedral de Santiago.

Así mesmo, os Populares consideran imprescindible que o Goberno do España teña coñecemento desta solicitude, o mesmo que o Parlamento galego e a Xunta de Galicia.

Como consecuencia desta desatención ao conxunto de Galicia, á hora de afrontar obras e equipamentos de gran transcendencia, como os que afectan ao Concello de Santiago –a Estación Intermodal, o enlace Orbital ou a nova depuradora, existen medidas de difícil cuantificación, pero que ofrecen grandes posibilidades para a proxección económica, cuxa ausencia denota tamén unha falta de implicación do Goberno da Nación co desenvolvemento desta terra.

Unha das institucións que máis afectada se ve por esta situación é o Consorcio de Santiago, xa que a Lei de Orzamentos do Estado de 2018 recollía o apoio do Goberno central ás actividades deste organismo, vinculadas ao Ano Santo Xacobeo 2021 e a súa Catedral.

Esa vontade, que viña a potenciar a achega económica de 4,55 millóns de euros comprometida para o Consorcio en 2018, aparecía recollida na Disposición Adicional 135, onde se expresaba que “o Goberno apoia o labor desenvolvido polo Consorcio de Santiago, como órgano instrumental do Real Padroado da Cidade de Santiago, no cumprimento dos seus fins dirixidos á preservación e revitalización do Patrimonio cultural representado pola Cidade de Santiago e a súa Catedral, nos seus aspectos histórico-artísticos e arquitectónicos, á difusión dos valores europeístas e ao desenvolvemento e potenciación das actividades turísticas e culturais vinculadas ao itinerario xacobeo. A tal fin dispoñeranse as actuacións necesarias para o desenvolvemento das actividades extraordinarias que realice o Consorcio de Santiago vinculadas ao Ano Santo Xacobeo 2021.”

Discriminación a Galicia

Cabe sinalar que o proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2019 supón unha contundente discriminación para Galicia, cuestión esta sobre a que hai unha gran unanimidade entre as distintas forzas políticas galegas.

No caso de Galicia, os investimentos previstos descenden nun 18%, o que ocasiona a ralentización e paralización de investimentos clave para o desenvolvemento económico e social, ademais de para unha efectiva e plena integración nos ámbitos estatal e europeo.

Para o Grupo Popular está claro que o desexo dos socialistas de manterse na Moncloa, baixo calquera premisa, foi un obxectivo prioritario á hora de redactar unhas previsións económicas que, ademais de incrementar de forma notoria os impostos e as cotizacións, reducen os fondos destinados a investimentos en determinados territorios do Estado.

Esta situación queda máis clara en Galicia, resultando unha das Comunidades autónoma máis castigadas polo Goberno socialista. Deste xeito, nun contexto de gran expansión do gasto público –aínda que sexa irreal e falto de rigor- priorízanse os intereses partidarios para tratar de garantir o apoio para continuar cun Goberno en minoría, atendendo a uns territorios en detrimento doutros.

Os Populares concretan que esta actitude sectaria maniféstase, por exemplo, no aumento significativo dos investimentos en Cataluña (+67% que o ano anterior) ou na Comunidade Valenciana (+61% que o ano anterior).

A pesar de que o Goberno socialista xurdido da moción de censura asumiu o orzamento de 2018 elaborado polo Goberno do Partido Popular pero a citada disposición, non só non se fixo efectiva ao longo do exercicio, senón que nas previsións para o novo ano foi eliminada de forma inesperada e, sobre todo, inmotivada.

O Grupo Municipal Popular destaca a súa sorpresa pola eliminación desta disposición adicional, cando nos imos aproximando ao ano 2021 e sorprende aínda máis cando se observa que o mesmo Goberno que elimina esta declaración de apoio para un evento crucial para Galicia crea no seu proxecto de Orzamento para 2019 unha nova disposición adicional (nº 88) na que declara a “asunción parcial da débeda do Consorcio de Valencia 2007 pola Administración Xeral do Estado”.