>
  • O descenso de efectivos afecta a toda Galicia, pero esta situación agrávase, sobre todo, na cidade de Santiago, que se atopa necesitada dunha atención especial ante o Xacobeo de 2021
  • Os Populares demandan así un incremento de medio centenar de policías locais, 250 polícias nacionais para Galicia “e, en especial para Santiago,” e 75 axentes para a Unidade adscrita á Xunta de Galicia
  • Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2019. O Grupo Municipal Popular levará ao vindeiro Pleno municipal de febreiro unha iniciativa para tratar de obter o acordo da Corporación ante a o descenso do número de policías existentes en Santiago, tanto a nivel local, como autonómico e nacional, para afrontar as necesidades actuais e, sobre todo, coa mirada posta no Ano Xacobeo de 2021.

    Os Populares sinalan que a distribución territorial da Policía Nacional en Galicia non conta coa dotación de efectivos que serían necesarios para unha correcta prestación dos servizos tanto no que respecta ás seis sedes da policiá adscrita á Xunta, con 400 axentes dos 500 previsto no catálogo, como no caso da rede de comisarías e dependencias da Policía Nacional radicadas nas capitais de provincia, en grandes cidades e nalgunha cabeceiras de comarca, con 2.593 axentes dos 3.249 que lle corresponderían por catálogo.

    Esta importante redución dun 20% e un 20,2%, respectivamente, contrasta co aumento das funcións que se veñen prestando os corpos e forzas de seguridade do Estado (en relación cos delitos de violencia de xénero ou telemáticos, entre outros), a reducción de prazas convocadas nos últimos anos e tamén pola falta de resposición de efectivos.

    A situación agrávase en Santiago

    O Grupo Municipal Popular destaca que a perda de efectivos ten o seu correlato aumentado na cidade de Santiago onde a Policía Nacional, debería contar con 278 axentes e ten apenas 216 (-22%.) e algo semelllante acontece coa Policía Local, que ademais das funcións de colaboración co resto dos corpos e forzas de seguridade do Estado ten como propias –entre outras- as relacionadas co tráfico e vixilancia no ámbito municipal.

    Neste caso, segundo a ratio fixada pola normativa é de 173 axentes locais, aínda que na actualidade Santiago unicamente ten 124 (unha reducción do 28%). Esta carencia de efectivos afecta á seguridade pública dunha cidade con necesidades propias da súa condición de capital de Galicia e centro turístico de primeira orde mundial, sobre todo ante a celebración do Ano Santo Xacobeo de 2021.

    Aumentar 50 policias locais, 250 policías nacionais en Galicia e 75 adscritos á Xunta

    Por este motivo, o Grupo Popular propón un acordos para que o Concello impulse os mecanismos necesarios que permitan prover á maior brevidade as prazas vacantes existentes no Corpo da Policía Local por xubilacións e que, de forma simultánea, proceda a demandar do Ministerio competente en materia de política territorial e función pública a posibilidade de acadar o número de axentes necesario –cando menos incrementar os 124 actuais ata os 173 que normativamente lle corresponderían- para afrontar con garantías os niveis de seguridade que demanda unha cita de tanta transcendencia como o Ano Santo Xacobeo.

    A maiores proponse instar ao Ministerio do Interior do Goberno de España a que nas próximas convocatorias de novas prazas e de concurso de méritos se contemple a cobertura dun número suficiente de prazas vacantes de axentes da Policía Nacional, non inferior a 250, para atender as graves carencias de persoal que sofre a Comunidade Autónoma galega, en especial a súa capital, Santiago de Compostela, que ten ante sí o reto de afrontar o Ano Santo de 2021 coa gran afluencia de persoas e coas demandas de seguridade que un evento desa natureza implica ao longo de todo un ano.

    Por último, tamén se demanda do Ministerio do Interior a convocatoria con urxencia dun concurso específico de méritos, para dotar cun mínimo de 75 novos efectivos á Unidade do Corpo Nacional de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito que se lle permita seguir desempeñando con garantías as súas tarefas actuais.

    Para os populares, un incremento do número de efectivos redundaría nunha maior prevención da comisión de actos delictivos en xeral, polo que é prioritario garantir a súa presenza, así como a súa maior inmediatez e eficacia no desenvolvemento das súas funcións.

    Peza clave do Estado de Dereito

    O PP considera que os corpos e forzas de seguidade do Estado son unha peza clave do noso Estado de Dereito, ao prestar un servizo público que proporciona seguridade e contribúe ao benestar e á calidade de vida das persoas.

    O seu papel resulta decisivo ao ter asignadas como principais funcións, entre outras moitas, o coidado do libre exercicio dos dereitos cidadáns, o mantemento da orde pública, a protección de bens e servizos, a persecución do delito, a colaboración coa Xustiza para o cumprimento da lei ou os labores de cooperación e coordinación con outras institucións e entidades públicas para garantir a protección civil en todo tipo de situacións onde se poida ver comprometida a seguridade da poboación.