>
  • Hernández mantivo unha reunión co consello de administración do club santiagués o pasado luns, onde coñeceu de primeira man os datos cos que puido concretar a iniciativa na que o seu equipo estaba a traballar
  • Esta medida non pode estar máis xustificada, xa que está comprobado que o 80% dos asistentes non locais aos partidos, chegaron a Santiago so como consecuencia do evento deportivo
  • En recentes tempadas, o impacto económico do club na cidade supuxo, case 3,5 millóns de euros, e tivo un reflexo efectivo en 102 países, nos que ten repercusión a liga ACB
  • O dirixente Popular asegurou que, nas súas propostas, a actividade deportiva en Santiago será un dos pilares do seu proxecto de futuro para a cidade, posto que considera que o deporte é unha actividade que desborda o contexto das propias competicións, beneficiando moitos aspectos da cidade, tanto no eido afeccionado como no profesional
  • Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2019.- O presidente e candidato á alcaldía do Partido Popular de Santiago, Agustín Hernández, comprometeuse co Obradoiro a que, de ter a confianza dos santiagueses para gobernar a cidade a partir do vindeiro mes de maio, o seu Goberno aportará, de forma estable, unha asignación do 3% do gasto de capital do Concello para apoiar a esta entidade deportiva. Tamén suporía apoiar ao Club na implicación necesaria doutras administracións como a Deputación e Xunta de Galicia.

    Hernández mantivo unha reunión co Consello de Administración do club santiagués o pasado luns, onde coñeceu de primeira man os datos cos que puido concretar a iniciativa na que o seu equipo estaba a traballar.

    A aportación que ofrece a candidatura de Agustín Hernández non pode estar máis xustificada nin ser máis necesaria, posto que está comprobado que o 80% dos asistentes non locais aos partidos, chegaron a Santiago so como consecuencia do evento deportivo. Cabe sinalar que en recentes tempadas, o impacto económico do club na cidade supuxo case 3,5 millóns de euros e tivo un reflexo efectivo en 102 países nos que ten repercusión a liga ACB.

    O voceiro Popular, que fixo chegar a súa decisión ao Consello de Administración a través dunha carta, destacou que o club incrementaría a súa vinculación clara e permanente con Santiago, o que suporía visualizar a presencia da capital de Galicia na súa imaxe corporativa, así como a divulgación da cidade nos seus encontros e nos seus desprazamentos. Con esta medida, acadarase unha importante relación e visibilización da cidade ante milleiros de cidadáns en toda España.

    O Popular explicou que o que se busca é multiplicar en case 3,5 a aportación actual, a través da fidelización do Club coa cidade, así como a articulación de medidas que permitan aproveitar as potencialidades da entidade no deporte base santiagués, con actuacións coordinadas para fomentar o baloncesto, labores solidarias e colaboracións co tecido asociativo, entre outras propostas.

    Cabe sinalar que, no ano 2017, o Concello recolleu nos seus orzamentos unha subvención nominativa de 65.000 euros, o que implicaba un 0,59% das contas totais do Concello, destinado a gastos de capital. No orzamento de 2018, esta cantidade foi incrementada ata chegar aos 120.000 €, é dicir, o 0,87%.

    Tendo en conta isto e tras un detallado análise, Agustín Hernández considera que estas cantidades deben e poden ser incrementadas de forma substancial establecendo un marco de colaboración entre o Concello e o Club que, de maneira transversal entre os diferentes ámbitos municipais, permita visualizar un compromiso claro do Concello coa entidade, así como do Club coa cidade.

    Na misiva, o dirixente Popular asegurou que nas súas propostas a actividade deportiva en Santiago será un dos pilares do seu proxecto de futuro para a cidade, posto que considera que o deporte é unha actividade que desborda o contexto das propias competicións, beneficiando moitos aspectos da cidade, tanto no eido afeccionado como no profesional.

    A actividade deportiva afecta e ten repercusión sobre múltiples ámbitos cívicos, como é a economía da cidade, a súa imaxe, a súa repercusión e a proxección cara ao exterior, a saúde e o modelo urbanístico, entre outros.

    Para Agustín Hernández, o Concello de Santiago debe establecer un contexto de colaboración estable, concreto e prioritario co único club deportivo de Santiago que milita na primeira categoría dunha liga de ámbito nacional, ademais está considerada como a segunda competición baloncestística con máis proxección a nivel mundial.