>
  • O grupo que dirixe Agustín Hernández propón un sistema de colaboración interinstitucional para mellorar a vixilancia tanto de inmobles como de espazos públicos
  • O Grupo Municipal Popular entende que un sistema de videovixilancia é imprescindible ás portas dos Xacobeos 2021 e 2027 e vista a incapacidade do Goberno de Martiño Noriega para asegurar dotacións de policía local nas rúas
  • No Pleno deste mes, os Populares tamén lle preguntaran ao Executivo local se o sistema de gravación contratado a instancias da Policía Local xa está operativo
  • Para o os Populares, resulta paradoxal que o Goberno de CA instale cámaras para castigar aos condutores e se negue a colocalas para disuadir aos vándalos
  • Santiago, 15 de maio de 2019.- O Grupo Municipal Popular insta ao Goberno de Compostela Aberta a desenvolver, coas debidas garantías, un sistema de vídeo vixilancia nas zonas máis sensibles da cidade, ao entender que tal sistema pode contribuír a mellorar a protección dos bens de importancia patrimonial e a propia seguridade das persoas.

    Os Populares consideran que esta medida é necesaria, especialmente, ás portas dos Xacobeos 2021 e 2027 e tendo en conta que nos atopamos nun momento no que o Goberno de Martiño Noriega é incapaz de asegurar dotación policial nas rúas, a consecuencia do conflito que decidiu manter coa propia Policía Local.

    A maior abunamento, o Grupo Municipal Popular, consciente de que a videovixilancia de inmobles e a videovixilancia do espazo público responden a réximes diferentes e con zonas de captación de imaxes diferentes, propón un sistema de colaboración interinstitucional.

    Para os Populares, resulta paradoxal que o Executivo de CA instale cámaras pensadas para castigar aos condutores e se negue a colocar cámaras pensadas para disuadir aos vándalos e para protexer bens e persoas, negativa que xa manifestou o grupo de Compostela Aberta en varias ocasións no Pleno, pese ás iniciativas do Grupo Popular.

    Finalmente, o Grupo Municipal Popular tamén preguntará no Pleno ordinario deste mes de marzo se xa se instalou o sistema de gravación contratado hai uns meses a instancias da Policía Local.