>
  • Entre estas instalacións hai unha no Toural, que posibilita tomar e gravar imaxes desde varias posicións, pero parece que ningunha delas enfoca e grava a zona final da Rúa do Vilar, onde se están a producir incidentes que afectan á convivencia
  • O Partido Popular quere información sobre se o Grupo de CA ten revisado ditas imaxes dos últimos meses, co fin de proceder de forma oportuna no caso que aparezan probas dos actos ilícitos que tanto ten denunciado este Grupo Municipal
  • Os Populares amósanse sorprendidos polo feito de que, entre as diversas cámaras instaladas, non figura ningunha en zonas da cidade onde si se están a producir reiteradamente comportamentos e accións ilícitas
  • Para que a situación resulte máis pintoresca, o Goberno de Martiño Noriega mantén en zonas máis seguras un sistema de videovixilancia que enfoca e grava a cidadáns en situacións cotiás e absolutamente cívicas

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2018. O Grupo Municipal Popular preguntará ao Goberno de Martiño Noriega no Pleno ordinario que se celebrará mañá xoves sobre a situación das cámaras de videovixilancia da cidade, xa que, neste momento, non parece que estean realizando a función para que están destinadas.

Entre estas instalacións figura, concretamente, unha na praza do Toural, que ofrece a posibilidade de tomar e gravar imaxes desde distintas posicións, pero polo que parece, neste momento, ningunha delas semella poder enfocar e gravar claramente a zona final da Rúa do Vilar, a máis próxima ao Toural, onde se están a producir incidentes que afectan á convivencia e mesmamente a seguridade cidadá.

De maneira periódica, o concelleiro delegado de Medio Ambiente e Convivencia solicítalle á Delegación do Goberno en Galicia permiso -ou renovación de permiso- para manter en funcionamento as cámaras de videovixilancia na cidade. Fíxoo por última vez a finais de xullo deste ano.

Os Populares amósanse sorprendidos polo feito de que, entre as diversas cámaras instaladas, non figura ningunha en zonas da cidade onde si se están a producir reiteradamente comportamentos e accións ilícitas. Unha situación que resulta polo menos chamativa, xa que o sistema de videovixilancia non está a disuadir comportamentos ilícitos -ou non os grava para posteriormente esixir as correspondentes responsabilidades.

Para que a situación resulte máis pintoresca, o Goberno de Martiño Noriega mantén en zonas máis seguras un sistema de videovixilancia que enfoca e grava a cidadáns en situacións cotiás e absolutamente cívicas.

A tenor desta situación, o grupo que dirixe Agustín Hernández querería coñecer se o Goberno de Compostela Aberta ten pensado modificar o sistema actual, para que estas cámaras se centren nos espazos de maiores incidentes, como é o caso, entre outros, que reiteramos da confluencia entre a Rúa do Vilar e o Toural.

Así mesmo, o Partido Popular quere información sobre se o Grupo de CA ten revisado ditas imaxes dos últimos meses, co fin de proceder de forma oportuna no caso que aparezan probas dos actos ilícitos que tanto ten denunciado o Grupo Municipal Popular.

>
  • Desde o Grupo que dirixe Agustín Hernández, se cree imprescindible que o Goberno municipal convoque o Consello de Administración, antes de que presenten o orzamento para o ano 2019
  • Non parece lóxico que Compostela Aberta siga no continuísmo do que fixo gala estes tres anos de goberno, sen afrontar os retos que se cernen sobre a sociedade de Incolsa
  • O Grupo de CA parece non saber deseñar liñas que permitan un desenvolvemento ordenado, equilibrado e sostible do turismo na cidade e optan pola prohibición como instrumento de control
  • O grupo de Goberno local parece ser un especialista nas fuxidas cara diante, sen tomar ningunha decisión responsable, so esperando que pase o tempo ata as eleccións municipais de maio de 2019
  •  

    Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2018. O Grupo Municipal Popular solicita a convocatoria do Consello de administración de Incolsa, ante o exemplo de desinterese de Compostela Aberta por un dos sectores máis relevantes da economía municipal e da imaxe da cidade como é o turismo, unha industria que para o equipo de Goberno de Martiño Noriega, lonxe de ser unha oportunidade de crecemento para Santiago, parece ser un grave problema, tal e como queda reflectido na súa nula xestión neste eido turístico.

    Desde o Grupo que dirixe Agustín Hernández, creen que é imprescindible que o Executivo municipal convoque o Consello de Administración, antes de que presenten o orzamento para o ano 2019, xa que non sería lóxico que Compostela Aberta seguise no continuísmo do que fixo gala estes tres anos de desgoberno, sen afrontar os retos que se cernen sobre a sociedade de Incolsa.

    O Grupo de Martiño Noriega parece non saber deseñar liñas que permitan un desenvolvemento ordenado, equilibrado e sostible do turismo na cidade e optan pola prohibición como instrumento de control, deixando claro que esta empresa pública non é unha prioridade para CA, xa que non se entende que non haxa ningunha estratexia con respecto ao seu futuro.

    A despreocupación do Goberno local é absoluta porque, desde o pasado mes de xullo que se celebrou un consello de administración de trámite, o goberno de Compostela Aberta non convocou ningún outro para tratar esta cuestión, polo que, ademais de incumprir o artigo 19 dos Estatutos da sociedade pública que establece que o Consello de Administración se reunirá, como mínimo, unha vez ao trimestre, non lle trasladou aos membros do Consello de Administración ningunha documentación ou proposta, nin con respecto ao IVE, nin con respecto ao futuro da empresa.

    Pero nada de isto estraña ao Grupo Popular, xa que non pode haber máis proba de que o turismo non é unha cuestión importante para Martiño Noriega, que saber que o alcalde non visitou as instalacións de Incolsa nestes case catro anos de Goberno, nin se presentou aos seus traballadores.

    Por todo isto, desde o Partido Popular pedíuselle unha reflexión e proposta do futuro para a empresa, tal e como se lle solicitara xa en 2017 e sobre a que a concelleira Marta Lois afirmou que se estaba “encargando”, pero do que nada se sabe a día de hoxe.

    Cómpre subliñar que Incolsa está nunha situación delicada, como consecuencia da incerteza sobre a liquidación do IVE correspondente aos exercicios 2015, 2016 e 2017. Así, por mor das incongruencias ao respecto desta cuestión, o Grupo Municipal Popular votou en contra das contas anuais do ano 2017 na Xunta Xeral celebrada o pasado 21 de xuño.

    En consonancia co informe da intervención municipal e os auditores de contas que fiscalizaron o exercicio contable de Incolsa 2017, o Grupo Municipal Popular considera que é necesario provisionar a esta empresa pública polas cantidades reclamadas pola Axencia Tributaria.

    Neste momento, estamos a piques de rematar o ano e, polo tanto, de analizar o novo escenario orzamentario da empresa para 2019, pero a realidade é que Compostela Aberta non avanzou nada sobre o que pensa facer con Incolsa. Polo que podemos aventurarnos a dicir que adoptarán a mesma actitude que con outras cuestións que están en precario no Concello,

    O grupo de Goberno local parece ser un especialista nas fuxidas cara diante, sen tomar ningunha decisión responsable, so esperando que pase o tempo ata as eleccións municipais de maio de 2019.  

    >
  • Sánchez-Brunete subliñou que existe un informe de Intervención que advirte da necesidade de determinar unha “indemnización que, en ningún caso, pode incluír o beneficio industrial”
  • Para os Populares, queda claro que a aplicación do criterio de Intervención suporía unha aforro de decenas , ou incluso centos de miles de euros, á vista das cantidades facturadas polas empresas sen contrato
  • O concelleiro Popular asegurou que é necesario disipar calquera sospeita de conivencia entre o Goberno e determinadas empresas, xa que resulta curioso que os que dicían literalmente “que viñan a liberar o Concello das garras das empresas privadas rematen facéndolles a manicura e a pedicura financeira”
  • Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2018. O concelleiro do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, anunciou hoxe en rolda de prensa a presentación por parte do seu Grupo dunha proposición no Pleno ordinario de esta semana, na que se lle solicita ao Goberno de Martiño Noriega que deixe de pagar sobreprezos ás empresas que carecen de contrato.

    Sánchez-Brunete remarcou que o seu grupo insta ao Goberno de Compostela Aberta a que, antes de proceder ao pago das facturas das empresas que están sen contrato, cuantifique a cantidade indemnizatoria que, segundo a Intervención Municipal, nunca debe incluír o beneficio industrial, algo que está pasando ata o de agora.

    Así mesmo, o concelleiro do Partido Popular explicou que o seu grupo solicita tamén que, con carácter urxente, se estuden as posibilidades para proceder á reclamación das cantidades xa pagadas en exceso.

    A proposición que presentará o Grupo Municipal Popular parte dun informe de Intervención, no que se afirma que o recoñecemento de obrigacións a favor das empresas que prestan servizos sen contratos esixe a determinación dunha indemnización, pero esta non debe nunca incluír o denominado beneficio industrial.

    A aplicación deste informe suporía un gran aforro á vista das cantidades facturadas por empresas sen contrato; unha situación que a longo deste mandato afectou, ás compañías adxudicatarias do servizo de centros socioculturais, á de xestión de multas, á do transporte público, e á da limpeza de instalacións municipais, entre outras.

    O concelleiro Popular asegurou que é necesario disipar calquera sospeita de conivencia entre o Goberno e determinadas empresas, xa que resulta curioso que os que dicían literalmente “que viñan a liberar o Concello das garras das empresas privadas rematen facéndolles a manicura e a pedicura financieina”.

    Así, destacou que esta situación supón unha enorme relevancia para a Facenda Pública Local e tamén para os contribuíntes, sobre todo, tendo en conta o importe de determinadas prestacións que se facturan ao Concello sen soporte contractual. No que vai de mandato as cantidades aboadas ou pendentes de aboar -en exceso- a diversas empresas poderían superar varios centos de miles de euros, unhas cifras que, de non ter que aboarse, suporían un aforro de miles de euros si se desconta o beneficio industrial tal e como parece pertinente.

    Para Sánchez-Brunete, o Goberno de Compostela Aberta debería cuantificar a “indemnización” que corresponda pola prestación efectuada, nos termos empregados pola Intervención municipal nos seus informes e, polo tanto, cumprir co que o citado órgano sinala, antes de proceder a efectuar novos recoñecementos extraxudiciais de crédito.

    No transcurso da rolda de prensa, o edil remarcou que o Grupo Municipal Popular considera que, con carácter urxente, o Goberno de Martiño Noriega debe solicitar do secretario xeral do Pleno un documento sobre o alcance do informe da Intervención municipal, en relación coas posibilidades de iniciar os procedementos que correspondese tramitar a fin de que o Concello poida reclamar as cantidades pagadas en exceso, no seu caso, a empresas que realizaron prestacións sen contrato en vigor.

    Página 1 de 146