Borja Verea, presidente dos populares composteláns visitou a parroquia da Barciela acompañado de varios membros da súa asociación de veciños, entre eles o seu presidente José Sánchez, Carmen Balado, Cruz Iglesias e José Blanco. Na visita o tamén deputado compostelán aproveitou para escoitar as demandas dos veciños e achegarse a Benavente, Balado e Barciela.

Un dos lugares máis emblemáticos e especiais da parroquia é sen dúbida a “Illa do Refuxio”, situada no río Tambre e conectada por dúas pontes co concello de Oroso e co concello de Santiago. Alí os representantes veciñais denunciaron o estado de abandono e a falla de mantemento da mesma. Sobre o espazo natural da Illa, Verea destacou que “hai que dignificar estes lugares únicos que temos en Santiago, en moitos casos incluso descoñecidos para a maioría dos vecinos. A promoción e posta en valor destes espazos é responsabilidade das autoridades locais”, e, engadiu “que o cambio está aí, os veciños queren gozar destes sitios, abertos, verdes e diferentes, e a Illa do Refuxio na Barciela é o mellor exemplo do abandono e perda de oportunidades dos últimos anos, falamos dun entorno natural privilexiado pouco atendido, sen sinalizar e case que esquecido”.

Outras das denuncias dos representantes veciñais e que levan moitos anos pedindo é o arranxo da beirarrúa da N-550 ao seu paso pola ponte que une os concellos de Oroso e Santiago, onde, “o lado compostelán atópase desde hai case vinte anos sen rematar, con desniveis e fochancas, e demasiado estreita co perigo que supón para os peóns, e tamén para os peregrinos”, critican os veciños tendo en conta que forma parte do trazado do Camiño. Verea comprometeuse a trasladar esta queixa tanto aos resposables municipais como aos responsables autonómicos do Camiño para intentar buscar unha solución.

Tamén tiveron a oportunidade de ver o antigo campo de fútbol no lugar do Balado, onde hai anos xogaba o equipo de fútbol do Sigueiro antes de trasladarse ao campo Lino Balado de Oroso. Hoxe este antigo campo de fútbol presenta un estado de total abandono, onde ás casetas dos vestiarios “é mellor non achegarse” e as antigas estruturas de iluminación están completamente oxidadas sendo un perigo no caso de rotura. “Son xa moitos os exemplos da falta de atención e coidado mínimo das instalacións municipais, é unha pena que un campo de fútbol coma este estea neste estado, poidendo arranxarse e servir, non só como un campo de fútbol a disposición dos equipos da cidade, senón tamén para actividades dos veciños ao aire libre ” denunciaba Verea.