O Partido Popular de Santiago deu comezo ao ciclo de conversas abertas #SoñarSantiago co obxectivo de tratar periodicamente asuntos que importan aos veciños e que servirán, en palabras de Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago, “para comezar a verdadeira transformación de Compostela que iniciaremos a partir da primavera de 2023”.

Baixo o título “O futuro da vivenda en Santiago: obxectivo 100.000”, tivo como invitado a Heriberto García Porto, director xeral do Instituto da Vivenda e Solo de Galicia, que puido debater con Borja Verea as diferentes estratexias para solucionar o problema da vivenda na nosa cidade.

Entre as propostas que puxo o candidato popular sobre a mesa están “a mobilización de vivenda baleira, incentivando aos propietarios a sacalas ao mercado garantindo a súa renda ou creando un banco de vivenda de alugueiro social”, así como “deseñar a Compostela do futuro xa que hai solo suficiente para vivenda de calidade e asequible”, subliñando Verea que “se teño a maioría suficiente liderarei un programa de medidas urxentes e valentes en materia de vivenda” porque “é un asunto que temos que xestionar nós dende Santiago, sen veciños non hai cidade”. Nesta liña tamén destacou que “será unha prioridade a rehabilitación pública no Casco Histórico para volver a poñer no mercado vivenda asequible e de calidade e que volvan os veciños” concluíndo que “quedou demostrado que prohibir sen propoñer non serve, despois de anos de prohibicións, de espantar investimentos turísticos, o resultado é que o 25% dos veciños marcharon das suas casas, nin veciños nin desenvolvemento”.

Pola súa banda o director xeral Heriberto García apuntou que “Santiago dende os 90 abandonou calquera estratexia urbanística de desenvolvemento e hoxe estanse a vivir as consecuencias”, e destacou que “todas as propostas que está poñendo sobre a

mesa Borja Verea son viables, xa que cada unha desas medidas ten o seu plan de financiamento, ben da Xunta de Galicia ou ben da Goberno de España, o que hai que facer é poñelos xa en marcha”, e na mesma liña insistiu en “que hay bolsas de solo en Compostela que siguen pendentes de desenvolverse e que necesitan un novo pulo, hai que deseñar xa a Compostela do futuro reactivando novas áreas de crecemento, tanto residencial como industrial”, poñendo como exemplo o denominado Ensanche Norte que podería desenvolver milleiros de vivendas a prezos asequible, e concluíndo que “se outras cidades o están facendo, edificando novas vivendas protexidas e rehabilitando o seu casco histórico, ¿por qué Santiago non?”

Para rematar Verea reclamou “iniciativas e enerxía fronte á resignación e continuismo, medidas que só poden vir dun goberno sólido do Partido Popular de Santiago” apuntou o parlamentario popular adiantando que “a política de vivenda será prioritaria no noso programa de goberno, un proxecto integral de cidade que terá como obxectivo superar os 100.000 habitantes antes de 2027”