O vicevoceiro do Grupo Municipal Popular, Ramón Quiroga, considera un “atraco fiscal” o novo imposto de plusvalía que o Goberno Bugallo quere aprobar mañá luns no Pleno extraordinrio, sen ter negociado nin falado, en ningún momento, co principal grupo da oposición. O Popular fai estas declaracións tendo en conta que o alcalde leva esta proposta ao Pleno de mañá, onde fixará os coeficientes/tipos máximos que permite a nova regulación do imposto, en vez de minoralos, tal como permite a nova Lei.
Ramón Quiroga explica que o Grupo de Goberno non aplica unha nova posibilidade de bonificación que establece a nova normativa, como é rebaixar os valores ata un 15%, co que se minoraría a carga fiscal do imposto.
Coa imposición do novo tributo, o Goberno local ten previsto recadar preto de 2,5 millóns de euros que pagará a vreciñanza nun momento de especial dificultade económica, derivada de novos “impostos indirectos” como é a inflación e a factura eléctrica e os combustibles.
A pregunta que se fai a veciñanza santiaguesa é para que quere o alcalde máis cartos, cando non executa o orzamento e remata o ano con 52 millóns nos bancos e con 23 millóns de euros de superávits, cando o que tería que estar facendo é rebaixar os impostos nun momento tan delicado e deixar de pensar en recadar máis. Cabe lembrar que, a última vez que se rebaixou o imposto foi co Goberno do Partido Popular no ano 2015, pasando o tipo impositivo do 26% ao 22% actual.
Quiroga Limia subliña tamén que o que busca o Goberno local é absolutamente insolidario e antisocial, o que deixa claro que vive “de costas á veciñanza” nun momento no que a inflación golpea aos cidadáns e en cernes dunha crise económica, que afectará ao mercado inmobiliario, coa nova suba dos tipos de xuros.
Neste senso, que o Goberno Bugallo mire para outro lado e só se preocupe da súa voracidade recadatoria, supón carecer da máis mínima sensibilidade ante a crise económica, deixando de facer políticas de promoción económica, como sería rebaixar o imposto para apostar pola reactivación económica e aforrar cartos á veciñanza.
Imposto voluntario
O vicevoceiro Popular lembrou tamén que este imposto é voluntario para as entidades locais, non obrigatorio como o IBI e suporá unha carga máis para o peto dos veciños na compra ou transmisión de calquera ben.
Para o Popular, neste momento, sería necesario unha sensibilidade coa realidade social e aplicar ou espírito que xa marcou o Tribunal Constitucional coa sentenza que ligaba o vixente sistema de cálculo do imposto de plusvalía cunha axenidade á realidade do mercado inmobiliario e da crise económica e, polo tanto, á marxe da capacidade económica gravada polo imposto, vulnerando o principio de capacidade económica como criterio de imposición.
Para o vicevoceiro Popular, a pregunta é clara: para que quere Bugallo tantos millóns se despois non executa o orzamento e, ademais, remata cada ano con cunha media de 15 millóns de euros en superávits e cunha acumulación de máis de 62 millóns en beneficios.
Quiroga Limia remarca que unha situación coma esta deixa claro que Santiago necesita un cambio de xestión, polo que asegura que se os santiagueses lle dan a súa confoanza ao candidato do Partido Popular, Borja Verea, o vindeiro mes de maio, terase en conta a situación existente e levarase a cabo unha rebaixa dos impostos.