O voceiro do Grupo Municipal Popular, José Antonio Constenla, vén de denunciar que o “empecinamento” do alcalde Bugallo está a impedir que Santiago avance na mellora da xestión do servizo do ciclo integral da auga, tal como llo reiterou o Grupo Popular numerosas veces, tanto no Pleno do Concello como en distintas intervencións públicas, apoiándose no establecido no artigo 123 da Lei de Bases de Réxime Local.
Constenla Ramos subliña, outra vez, que a mellor maneira de dar cumprimento a esta normativa é a convocatoria dunha Comisión de estudo “onde, sen limitacións, se estudase cal é a fórmula máis axeitada de prestar este servicio co fin de obter o mellor beneficio para a veciñanza e para a cidade”.
O voceiro Popular reitera que o problema radica na “cabezonería e capricho” do alcalde, “quen se nega, de forma reiterada, a atender os acordos referendados pola maioría da Corporación no Pleno do Concello, intentando que os grupos da oposición se desdigan de todo o acordado e apoien unha proposta do Goberno local que despreza o decidido pola maioría dos representantes dos santiagueses”.
Cabe sinalar que “estamos a falar do maior contrato da historia do Concello, cun valor próximo aos 500 millóns de euros e cunha duración de 20 anos, máis 5 de prórroga, o que suporía, por parte dun Goberno en minoría e ao final do seu mandato, implicar a 6 corporacións”, denunciou.
Para o voceiro Popular, queda claro que a postura do noso Grupo non obedece á posibilidade dunha prestación en réxime de colaboración público-privada, que valoramos como probablemente a máis acaída, senón á falta de participación, de información, de transparencia do proceso iniciado por un Goberno empeñado en levar adiante unha decisión en contra da maioría absoluta da Corporación.
Bugallo quere cheques en branco
Desde o principio das conversas sobre este asunto, “Sánchez Bugallo pretendeu que lle estendéramos un cheque en branco, amosándonos só un 1% do contrato que é a forma de xestión, reservándose para el e o seu Grupo o 99% restante, posto que os Populares descoñecemos case todo o expediente, os pregos, as obrigacións para o adxudicatario, o prazo de execucións, a auditoría de situación da rede, as prioridades de inversión etc”, subliñou.
O Popular reiterou que o alcalde Bugallo “busca converternos en reféns da súa propia incapacidade e chantaxearnos para que o apoiemos sen debate previo, cos ollos pechados e co manido discurso de que de nos facer as cousas como el quere seríamos os responsables do retraso do novo contrato”.
Constenla Ramos lembrou que o Goberno Bugallo ten finalizado este contrato desde 2019, tivo un mandato para poñer a andar un novo, por lo que non se entende que agora cheguen a presas, cando non existen presas para licitar servizos, por exemplo, como o do transporte urbano, para dotarnos de autobuses á altura da capital de Galicia, en lugar dos que temos na actualidade en estado lamentable de conservación e funcionamento.
Con todo isto os Populares consideran que debe ser un novo Goberno quen asuma esta responsabilidade para que se poida garantir que a decisión adoptada conte coa transparencia e o apoio maioritario con que este procedemento non ten contado, xa que hai que recordarlle a Sánchez Bugallo que “é un criterio de transparencia e de bo Goberno permitir á oposición participar das decisións estratéxicas da cidade e a xestión do ciclo integral da Auga é unha desas decisións”.