O voceiro do Grupo Municipal Popular, José Antonio Constenla, preguntaralle ao Goberno local se pensa converter en habitual o uso de calquera elemento da cidade como contedor de lixo, tal é como ocorre nun local na rúa Fonte do Santo Antonio.

Así, no vindeiro Pleno e co fin de evitar a lamentable imaxe que vén ofrecendo, tanto á veciñanza como aos milleiros de visitantes que transitan por esta vía todos os días, os Populares pediralle ao Goberno municipal que proceda á limpeza deste espazo onde se acumula, de maneira intolerable, unha cantidade importante de lixo.

Constenla Ramos subliña que, desde hai varias semanas, as persoas que transitan pola beirarrúa esquerda da rúa da Fonte de Santo Antonio en dirección á Praza de Galicia son testemuñas da existencia dun “improvisado” colector de lixo aproveitando o oco dunha plataforma elevadora para persoas con mobilidade reducida inutilizada nun local que noutrora ocupaban as oficinas dunha entidade bancaria, como se pode apreciar na imaxe obtida recentemente.

O Popular insiste en que, con independencia da “suposta utilidade” que poida prestar este colector, a situación deixa patente a precariedade dos equipamentos e do servicios de recollida de residuos que aínda soporta a cidade despois de varios meses da entrada en vigor dun novo contrato.

José Antonio Constenla explica que é evidente que esa imaxe e esa finalidade non se debe permitir un lugar de acceso público, e menos nesa situación e con esas características.