Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago dos populares composteláns, quixo saír ao paso da polémica suscitada polo insulto recibido desde o partido socialista de Sánchez Bugallo, que tachou ao líder compostelán de “facha” por ter mantido unha reunión de traballo co exministro Jaime Mayor Oreja.

“Seguirei escoitando e reuníndome con todo o mundo, en Compostela cabemos todos, eu escoito e aprendo de toda a xente, así entendo a miña cidade, por iso quero ser o alcalde de todos”, subliñando que “mentres outros seguen atrapados no seu minifundismo mental, eu seguirei traballando por unha cidade aberta onde teñan sitio todas as opinións, me gusten ou non”.

Ante os insultos que recibiu nas últimas datas tanto do partido de Sánchez Bugallo como dos seus socios, Verea salientou que “canto máis subo nas enquisas, máis me insultan, eu seguirei traballando como ata agora, vintecatro horas ao día, sete días á semana para construír esa gran maioría que me permita ser o alcalde de todos e levar a Compostela ao século XXI”.