O voceiro do Grupo Municipal Popular, José Antonio Constenla, pediralle ao Goberno local que explique no Pleno deste mes cales foron os motivos polos que o Certame Galego de Bandas de Musica deixará de celebrarse na nosa cidade e que xestións ten realizado o Goberno Bugallo para recuperalo para Santiago de Compostela. 

Constenla Ramos remarca que tras terse celebrado este evento consecutivamente durante máis dunha década na capital de Galicia, na edición de 2020 o Certame trasladouse á cidade de Ourense, sen que os responsables municipais explicasen os motivos, rompendo así o que viña sendo xa unha tradición continuada.

Isto supón un prexuízo para  Santiago, posto que esta cita encádrase nunha época de grande interese para a necesaria desestacionalización das actividades susceptibles de atracción de visitantes. Así mesmo, os organizadores deste evento denunciaron en distintos medios de comunicación a falta de interese por parte do Concello para recuperar para a capital de Galicia este evento, xa que, explican, intentaron poñerse en contacto cos responsables da Concellería de Cultura e no lograron resposta algunha.

A edición deste ano tamén se celebrará fóra da capital de Galicia, en concreto na vila de Celanova.

Antecedentes

O Popular destaca que, desde a primeira edición en 2007, o Certame Galego de Bandas de Música veuse celebrando nas instalacións do Auditorio de Galicia, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares, coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Santiago. 

Este certame, que acostumaba celebrarse no mes de novembro durante tres xornadas, reunía a preto de un millar de intérpretes e a asistencia de espectadores ao longo do certame estimábase nunhas 6.000 persoas.

Cabe sinalar, que está é unha demostración máis da falta de ambición de cidade que protagoniza o Goberno Bugallo, quen por desidia ou inoperancia parece interesado en perder unha cita cultural de gran atractivo para Santiago.