O vicevoceiro do Grupo Municipal Popular, Ramón Quiroga, explicou, no transcurso dunha rolda de prensa, a necesidade que existe en Santiago de que o Goberno local leve a cabo unha baixada de impostos, algo totalmente xustificado tendo en conta varios indicadores obxectivos. Para o Popular, dada a situación actual da economía, esta baixada é xa “unha obriga “moral” do Goberno municipal e significaría unha inxección financeira para as familias e a economía local de preto de 1,7 millóns de euros.
Quiroga Limia remarcou que a cidade de Santiago leva case catro anos “padecendo” as políticas dunha mala xestión económica do Goberno Bugallo, cunha concelleira, Marta Abal, que leva tempo “sen ser consciente da realidade que está a vivir a cidadanía, que incumpre de forma constante, mantendo, por exemplo, numerosas facturas sen pagar e cun Pago Medio a Provedores (PMP)” e que se empeña “en dar as costas ás dificultades ás que se teñen que enfrontar os veciños ao non querer articular medidas que suavicen o momento de crise que estamos a vivir e que, con toda seguridade, seguiremos sufrindo”. Remarca que os datos publicados relativos á inflación e o aumento xeral dos prezos están a crear e manter unha situación angustiosa nas persoas, familias, autónomos, profesionais e empresas, xa que segundo os últimos datos publicados correspondentes ao mes de agosto, o IPC segue subindo por encima dos dous díxitos, niveis non vistos desde a década dos 80, o que provoca un incremento constante de prezos superior ao previsto inicialmente, esporeado pola subida da electricidade e a cesta da compra.
O vicevoceiro subliña que a situación financeira que está a levar a cabo o departamento que dirixe Marta Abal pode permitirse esta baixada posto que conta cunha media anual nos derradeiros tres anos de 15,5 millóns de euros en superávits (beneficios), ao que se suma tamén unha media anual de 44 millóns de euros en depósitos bancarios. “Só na derradeira liquidación aprobada en 2021, os números son elocuentes con 23.778.718,37 € de beneficio, e 52.029.831,18 € en depósitos bancarios”, destacou.
Esta proposta que fai o Partido Popular nace da situación agobiante que viven moitas familias para chegar a fin de mes e, ademais o Goberno Bugallo engorda cuantiosos superávits e avultados depósitos bancarios, pero o que recada da veciñanza non o está empregando para mellorar, prestar os servizos ou acometer investimentos, tal como o demostran os datos da liquidación, xa que dos investimentos previstos para a cidade só se executaron nun 21%, o que representa que practicamente de cada 10 euros, 8 non se executan e, ademais, do total dos orzamentos durante 2019 a 2021, gran pare dos mesmos quedan sen executar.
Baixada impostos
Con todo isto, o vivevoceiro Popular propón a baixada en tres tipos de tributos para aliviar a escalada de prezos, combater a inflación e manter na medida do posible o consumo e non destruír emprego: o IBI, o imposto de vehículos, ligado especialmente aos carburantes, plusvalías, o Imposto de Construcións ou a taxa de apertura.
A baixada deste grupo de impostos debe tamén axudar e funcionar como incentivo na recuperación económica xa que están ligados a sectores tradicionais municipais e tamén creadores o xeradores de emprego, así as medidas propostas polos Populares serían as seguintes:
IMPOSTO | BAIXADA PROPOSTA |
IMPOSTO BENS INMOBLES | Do 0,51 % ao 0,49 %. |
IMPOSTOS de VEHÍCULOS: | Ata un 5% no recibo. |
IMPOSTOS DE CONSTRUCCIÓNS | Do 2% ao 1,8 %. |
IMPOSTOS DE PLUSVALÍAS | Do 22% ao 21% e aplicación de novas bonificacións |
TAXA DE APERTURAS | Supresión na maior parte dos supostos. |
En conclusión, estas medidas axudarían á reactivación económica, aos mais necesitados e non paralizan o consumo e palían a inflación e o aumento dos prezos, factura da luz, gasolina, diésel, etc…