Esta semana volveron á sede popular as charlas #SoñarSantiago, un ciclo de conferencias no que cada día tratarán un asunto de especial relevancia para os veciños da cidade. 

Nesta segunda charla, titulada “O futuro das familias en Santiago: Obxectivo Conciliación”, Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago polo PP, estivo acompañado de Xesús Vilas, director do Centro Xuvenil Don Bosco, e por Borja Rubio, presidente da ANPA CEIP Lamas de Abade.

Borja Verea apuntou que “as políticas de familia e conciliación van ser unha prioridade no meu goberno a partir de 2023 coa creación dunha Área de Familia que dependerá directamente da Alcaldía e que disporá de todos os medios humanos e materiais necesarios”.

“Quero construír unha Compostela pensada para as familias, un Santiago no que poidamos confiar, máis humano e máis sensible”, salientou Verea, “esta Area de Familia será a responsable de poñer en marcha as políticas de conciliación necesarias para conseguir que a nosa cidade sexa un referente neste século XXI”. 

Así, destacou que “é necesario un servizo de madrugadores universal e eficiente que dea tranquilidade aos pais nas primeiras hora do día” e “como  medida prioritaria poremos en marcha no primeiro ano de mandato dunha Rede Pública de Cociñas Escolares a través de cociñas nos centros e acordos coas prazas e comercios de proximidade composteláns, onde a calidade e a cercanía convirtan a esta nova Rede nun gran proxecto de cidade onde participemos todos”. 

Asemade anunciou que porá en marcha un “Plan global de necesidades de Escolas Infantís, despois de que grazas ao Partido Popular todas as garderías sexan gratuitas en Santiago, agora o que toca e que todos os nenos e nenas que o necesiten teñan a súa escola infantil” e tamén “ensaiar a posibilidade de horarios nocturnos para pais con quendas de traballo non habituais”. “En todas as demandas relativas ás familias composteláns serei un alcalde líder e reivindicativo coa Xunta de Galicia”, advertiu o candidato popular.

No que respecta ás actividades extraescolares, Verea tamén adiantou que “a súa coordinación, planificación e oferta integral dependerá da nova Area de Familia que terá ademais a misión de que o deporte base da cidade e os clubes deportivos sexan protagonistas destas actividades, o deporte base tamén é escola e convivencia e ten que ser unha das claves das políticas de familia”. 

O director do Centro Xuvenil Don Bosco, Xesús Vilas, destacou que para levar a cabo un bo plan de conciliación “fai falla que os recursos estean coordinados e haxa un consenso entre todos os axentes coordinados, algo que agora mesmo non sucede”. Ademais pediu que se volva poñer en valor a rede de centro socioculturais “porque hoxe en día hai un déficit en xestión e o cidadán debería volver ter o protagonismo de hai anos nestes centros”.

Para Vilas non chega con boas vontades, fai falla unha “boa maquinaria administrativa e recursos suficientes”.

Pola súa banda, Borja Rubio, presidente da ANPA do CEIP Lamas de Abade, lamentou que o concello non teña en conta o servizo de madrugadores como parte da política de conciliación, quedando excluído das axudas, ademais de denunciar o retraso á hora de cobrar as bolsas de material e comedor tendo que esperar ata febreiro, “estas axudas son insuficientes e as familias non poden estar 6 meses esperando a que lles devolvan os cartos”. Con respecto aos centros socioculturais coincidiu con Xesús Vilas en que debería haber un plan integral de CSCs, compatibilizándoo cun proxecto ambicioso de conciliación.

Entre outras medidas tamén se debateu a necesidade dun programa municipal para a prevención do acoso escolar ou facilitar o acceso rodado a moitos centros escolares que sofren o caos de tráfico na cidade.