O Grupo Municipal Popular, a través do seu voceiro José Antonio Constenla, reclamaralle, no vindeiro Pleno ordinario, ao Goberno local que inicie canto antes as tarefas de roza e limpeza de parcelas municipais no ámbito urbano de Santiago, dándolle prioridade a aquelas zonas nas que a veciñanza ten reclamado de forma reiterada a súa execución, posto que son frecuentes as queixas da veciñanza pola falta de atención do Concello á limpeza e roza das fincas que ten en propiedade, na súa maioría en zonas próximas a vivendas ou en ámbitos sensibles polas actividades que neles se prestan e que xeran un notable tránsito de persoas e vehículos.

A pesar da frecuencia con que estas queixas se veñen sucedendo ao longo do tempo -en lugares tan dispares como  ponte de San Lázaro de Abaixo, Santas Mariñas, Rueiro de Figueiriñas, Mallou ou Vite-  o Goberno local non lle ten posto ata o día de hoxe remedio. Este desleixo municipal contrasta coa presa coa que o Goberno lle reclama ao conxunto da cidadanía todos os anos para que rocen e limpen as propiedades privadas, coa ameaza de sancións no caso de non cumprir coas súas obrigas.

Os Populares destacan que, recentemente, presentaron un rogo sobre unha destas propiedades en Lamas de Abade, nas proximidades do centro de ensino secundario, denunciada durante anos pola propia comunidade educativa ante o perigo que comporta a falta de roza da masa forestal; e tamén tiveron noticia dunha petición, reiterada nos últimos tres anos, de varios veciños a rúa Feliciano Barrera Fernández que reclamaban a limpeza dos terreos municipais próximos ao aparcadoiro público de Santa Marta, sen obter resposta. 

Os veciños aluden á maleza nas beirarrúas (con coches abandonados nesa zona) e camiños por onde transitan as crianzas cara aos centros educativos, queixándose tamén da gran cantidade de insectos e mesmo da presenza de niños de avespas asiáticas nas proximidades dos seus fogares, que atribúen á desatención municipal co mantemento destes terreos. Nos últimos días, de forma sorprendente, e sen que saibamos mediante que forma contractual nin con que criterio de prelación, esta finca municipal foi limpada.A falta de dilixencia do Concello neste asunto, destaca o voceiro Popular, quedou patente este mesmo mes de setembro, cando aínda se ten iniciado o expediente de licitación do “servizo de roza e limpeza de parcelas municipais no ámbito urbano do termo municipal de Santiago de Compostela”. Un expediente que se pon a andar 4 meses despois de que o alcalde publicara un bando no que lembra a normativa autonómica e municipal que obriga a que os terreos situados no solo urbano se manteñan nas debidas condicións de limpeza, advertindo que o Concello “poderá recorrer á execución subsidiaria destas obrigas e aplicar as sanción correspondentes”. Unha actitude que se podería resumir adaptando un coñecido dito: “Obrigas lembro, que para min esquezo”.

Tendo en conta que o procedemento de licitación aínda contempla un prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 4 de outubro e que os preceptivos trámites posteriores continuarán ampliando a demora desta contratación, que aínda por riba unicamente contempla un período de vixencia de 1 ano sen posibilidade de prórroga, deberíase estender durante 5 meses de 2022 e 7 meses de 2023.

Poste da iluminación

Por outra banda, o concelleiro Evaristo Ben reclamaralle tamén ao Goberno local que retire o poste fracturado, restitúa a luminaria retirada e complete a limpeza viaria na beiravía da pista que, desde A Barcia, comunica co lugar de Carballal, á altura da vivenda co número 60.

A finais do mes de maio, un tractor-desbrozador que realizaba labores de roza e limpeza viaria no lugar de Carballal, na parroquia de Villestro, derrubou un poste da iluminación pública que sostiña unha luminaria moi útil, por atoparse nun tramo curvo do camiño, á altura do casa co número 60, contra cuxo peche caeu o citado poste.

Ben Otero remarca que, ranscorrido un tempo máis que prudencial, o poste foi retirado en parte, pero nin este se repuxo, nin tampouco a luminaria que sostiña, polo que  o lugar quedou  desde entón falto de luz, co perigo engadido dun poste cortado cos ferros da súa estrutura ao aire.

A maiores disto, o traballo de limpeza da canalización pola beiravía que debería levar a cabo a maquinaria quedou sen facer, polo que cando chove a auga discorre polo desnivel existente, atravesa a vía e vai parar á entrada da vivenda situada enfronte.