O Grupo Municipal Popular, a través da concelleira María Antón, pediralle ao Goberno local, no Pleno  desta semana, que aprobe e, cando menos, inicie a licitación do proxecto para a execución da segunda fase da rúa Altiboia, procedendo canto antes á limpeza e rexeneración da totalidade da parcela municipal onde se asente a área de aparcamento e á ampliación e urbanización do trazado desta vía.

Antón Vilasánchez subliña que é evidente que a rúa Altoboia e a súa contorna precisan dunha actuación urxente que mellore a súa calidade ambiental e a súa deficiente comunicación, deixando de ser o “patio traseiro” dun espazo onde, nos últimos anos, se fixeron moitas melloras, promovidas pola iniciativa privada nos distintos procesos de urbanización e tamén pola acción de mellora do Camiño Francés, levada a cabo pola Xunta.

A Popular lembra que, no pasado mes de febreiro, se remataron as obras de adecuación da explanada destinada a aparcamento provisional nas proximidades do Conservatorio Profesional de Música, á beira da rúa Altiboia, ás que se destinaron algo máis de 140.000 euros.

O proxecto executado, datado en novembro de 2018, foi concibido como una primeira fase e na súa memoria recollíase que a previsión de que a esta actuación na parcela municipal RE-4 lle seguiría unha segunda fase para o acondicionamento e reurbanización da rúa de Altiboia. Segundo se desprenda do proxecto, a actuación realizada afectou a unha superficie 3.3312 m2, quedando pendente o desenvolvemento 2.372 m2 ata completar o total de 5.684 m2.

Aínda que o proxecto describía a parcela municipal indicando que fóra da zona empregada para aparcar “la parte Oeste viene siendo utilizada por el Concello como un vivero de árboles que se plantan provisionalmente en ese espacio para luego ser trasladados a diferentes espacios” e que “el resto de la parcela se encuentra en estado natural, sin ningún tipo de uso o intervención”. “O certo é que, unha vez rematadas as obras da zona de aparcamento, o resto da parcela ofrece unha imaxe lamentable, cunha acumulación de entullos procedentes desta e doutras obras”, denuncia Antón. 

Así, o “estado natural” deu paso a unha vertedoiro que afea a zona, á vista da veciñanza e dos moitos peregrinos que transitan polo próximo Camiño Francés, e que mesmo se albergan nunhas instalacións lindeiras con estes terreos. 

Completar canto antes a totalidade a A-54 entre Santiago e Lugo

Así mesmo, o concelleiro Evaristo Ben presentará tamén outra moción na que lle solicita ao Goberno local a demandar ao Executivo de España axilidade e un impulso decidido, que se poña se manifesto nos avances administrativos necesarios e na dotación das partidas orzamentarias precisas, para rematar no menor tempo posible as obras dos dous tramos pendentes da A-54 que permitan completar canto antes a totalidade do itinerario entre Santiago de Compostela e Lugo.

Tal como explica Ben Otero, as infraestruturas viarias dependentes do Goberno de España en Galicia están a sufrir importantes retrasos, xa sexa pola lentitude coa que se están a executar as obras ou porque directamente están paralizadas. Sexa cal for a razón, a realidade é que vai pasando o tempo e actuacións viarias esenciais para Galicia non avanzan. Nin tampouco hai previsión de que o fagan de xeito significativo a tenor da concepción da mobilidade que promulga o actual Goberno de España, que supedita o investimento en infraestruturas e servizos de comunicación unicamente á súa rendibilidade económica.

“É obvio que o orzamento do Estado é insuficiente para atender as necesidades de Galicia nesta  materia e as contas para o presente exercicio, unha vez máis así o acreditan, con partidas mínimas e sen previsións para as seguintes anualidades, o que aínda é peor”, subliñou.

Para o Popular, son moitos os exemplos que acreditan esta situación, pero un especialmente significativo é o da autovía A-54, básica para conectar o centro e o interior de Galicia e para que a cidade de Lugo teña conexión directa por unha vía de alta capacidade coa nosa cidade. 

A construción desta autovía iniciouse hai máis de dúas décadas e, a día de hoxe, dos poucos máis dos 100 quilómetros de lonxitude, aínda faltan por rematar algo máis de 28. Trátase dos tramos intermedios de Palas de Rei a Melide e de Melide a Arzúa que, en función das previsións orzamentarias e sendo optimistas, demorarán a entrada en servizo da A-54 na súa totalidade ata, cando menos, o ano 2025.