O Grupo Municipal Popular levará ao vindeiro Pleno ordinario varias preguntas, nunha dela, feita pola concelleira Beatriz Cigarrán, pediranlle explicacións ao Goberno local sobre cales son as medidas tomadas polo Grupo de Goberno para solucionar a problemática que subxace coa presenza de persoas mendicantes nas rúas da cidade, sobre todo, no ámbito do núcleo histórico.
Beatriz Cigarrán subliña que resulta frecuente atoparse nas rúas da cidade con moitas persoas que, apostadas “ás máis das veces en condicións que poderiamos cualificar como inhumanas, procuran medios económicos aproveitando o elevado tránsito peonil de determinadas zonas”.
A Popular destaca que é sabido que non é sinxelo determinar os motivos reais do proceder de cada unha destas persoas e parece lóxico pensar que se trata de situacións de extrema precariedade que teñen como fin último proverse de medios para a subsistencia. Aínda que non sempre sexa esa a razón subxacente.
Cigarrán lembra que, vai para catro anos que os medios informativos, mesmo a nivel nacional, daban conta dunha operación policial na nosa cidade, que puxo ao descuberto a existencia dunha “mafia” romanesa que forzaba a mendigar e facer de estatuas a unha decena de persoas, durante “xornadas eternas, sen descansar ni comer”.
Para quen percorre as rúas da cidade, a situación actual resulta moi semellante á que se vivía hai catro anos, mesmo hai persoas e actitudes que lembran as descricións que se realizaban daquela.En todo caso, asegura Beatriz Cigarrán a existencia destas persoas e a frecuencia da súa presenza nas rúas da cidade, debe interpelarnos a todos e, de forma moi especial, ao Goberno local que dispón de medios humanos e materiais suficientes para dar unha cumprida resposta a esta situación, mesmo -se fose o caso- coa procura da colaboración doutras instancias, co fin de tratar de afondar nas causas e na procura de solucións que eviten estas formas que atentan contra a dignidade humana e poñen en entredito o propio sistema de benestar que temos construído entre todos.
Parque Arqueolóxico da Rocha
Por outra banda, a concelleira María Antón tamén lle preguntará ao Goberno local cal é a situación actual da totalidade dos terreos incluídos no “proxecto técnico de expropiación para a execución do Plan Especial de Protección e Acondicionamento do Parque Arqueolóxico da Rocha (PR-7)” e que previsións manexa o Grupo de Goberno para rematar o procedemento expropiatorio contemplado como prioritario no Plan Especial aprobado o 30 de xaneiro de 2015.
Antón Vilasánchez indica que desenvolvendo as previsións do PXOM, o Consorcio da Cidade de Santiago elaborou o Plan Especial de protección e acondicionamento do parque arqueolóxico da Rocha, que foi aprobado polo Pleno en xaneiro de 2015. Un Plan que ten como obxectivo a recuperación e posta en valor do Castelo da Rocha, a que fora unha das maiores fortalezas galegas e referencia fundamental na historia da cidade e da Galicia medieval.
Nese Plan Especial establécense as actuacións necesarias, coa súa priorización, para desenvolver as súas previsións. No apartado 7.5 da memoria do Plan defínese como primeira actuación a obtención dos terreos necesarios para a execución do parque, mentres que no apartado 7.2 indícanse cales son os terreos que é preciso incorporar ao dominio público para garantir a consecución dos obxectivos de protección e acondicionamento do parque arqueolóxico.
No tramo final do anterior mandato, en maio de 2019, a Xunta de Goberno local aprobaba o “proxecto técnico de expropiación” para a execución do citado Plan Especial que foi modificado posteriormente polo actual Goberno en setembro de 2019. Nese proxecto, que foi sometido inicialmente a información pública en decembro de 2016, detállanse máis de 70 parcelas que suman preto de 25.000 m2, cun valor estimado en 203.000 euros, que se corresponden cos terreos que o Plan Especial cualifica como zona de protección arqueolóxica do Castelo, zona de posta en valor do entorno, zona de equipamento dotacional (centro de recepción) e ámbito de rexeneración do antigo camiño de acceso ás fincas de Escorredía e do entorno do regato de Vilar.
María Antón denuncia que, a pesar de que as actuacións para desenvolver o Plan Especial foron incluídas na estratexia EDUSI aprobada en 2016, a súa materialización foise adiando coa xustificación de que era preciso proceder á execución da expropiación dos terreos, tal e como recollía o Plan Especial.
A pesar desa xeneralizada percepción, o Goberno actual licitou e executou o “proxecto de acondicionamento exterior do xacemento do Castelo da Rocha Forte”, cun orzamento final de 266.000 euros, sensiblemente inferior ao previsto na EDUSI, que ascendía a 366.000 euros. Un proxecto que inclúe a “recuperación do camiño peonil” que une o núcleo da Rocha co castelo, a construción dunha torre miradoiro no lateral oeste da fortaleza e a construción dun aparcadoiro na marxe da rúa dos Churruchaos.
A Popular lembra que no expediente das obras sinálase que “a totalidade das parcelas onde se levarán a cabo as obras de acondicionamento do xacemento arqueolóxico son propiedade do Concello de Santiago, como ben se expón no certificado de titularidade emitido con data 25 de outubro de 2019 pola sección de patrimonio do Concello”.