Tras case catro anos de inacción por parte do Goberno Bugallo, o Grupo Municipal Popular sacou adiante, no Pleno ordinario, unha proposición para a creación dun estudo de mobilidade que estude e diagnostique medidas que permitan unha mellora no servizo de taxi no Concello de Santiago, incrementados pola nefasta xestión do alcalde.
Constenla Ramos reclamou tamén que se axilice ao máximo posible os trámites para a celebración das probas de aptitude para a incorporación de novos taxistas que permitan reforzar o servizo na nosa cidade e que se poida contar cun Regulamento do Taxi en cumprimento das esixencias contidas na lexislación de aplicación, e con licenzas ocasionais.
O voceiro Popular denunciou que, como é patente, desde hai varios meses, a situación que atravesa o servizo de taxi na cidade estase a converter nun grave problema de mobilidade para que afecta a residentes e visitantes. “Son frecuentes as queixas, con reflexo habitual nos medios informativos, de persoas usuarias que denuncian a precariedade na que se está a desenvolver este importante servizo, que se está a mostrar incapaz de dar resposta ás necesidades que se presentan”, destacou.
A pesar de que esta situación non fai máis que aumentar, o Goberno que dirixe Sánchez Bugallo continúa sen adoptar medida algunha, a pesar de ser este un servizo esencial e básico e de que Santiago é a capital da autonomía e centro neurálxico do turismo de todo o pais.
Ante esta situación, José Antonio Constenla subliñou que o Concello non pode agacharse e escorrer as súas responsabilidades, debe traballar co sector do taxi co fin de atopar solucións e non deixalos sos ante un problema que afecta a toda a cidade. Ata o momento, o Goberno municipal case non ten explorado as posibilidades de actuación que a normativa lle atribúe, limitándose, dende hai meses, a convocar as probas de aptitude, cun claro retraso, para a incorporación de novos taxistas, que de momento non ten mellorado a situación. Así mesmo, é urxente que Santiago conte cun Regulamento do Taxi en cumprimento das esixencias contidas na lexislación de aplicación, tal e como xa teñen cidades como Vigo.
Segundo as estimacións do equipo de Goberno os problemas deste servizo son conxunturais, limitados a determinados períodos como a Semana Santa e o verán e provocados polo elevado número de visitantes, pero a realidade é clara, ao longo deste mes de setembro, “estamos a comprobar que o escenario non muda e ameaza con prolongarse nos vindeiros meses, xa que están programados varios congresos que atraerán a un gran número de visitantes”, concretou.
Para o Constenla Ramos que o servizo teña unhas eivas tan alarmantes durante varios meses, aínda que sexa de forma cíclica, debe ser motivo máis que suficiente para que o Concello impulse, de forma coordinada coa Administración autonómica, algunha medida que poida achegar algunha solución a este grave problema.
Os Populares remarcan que o Concello debe exercer funcións de liderazgo para dar respostas rápidas e evitar os problemas xurdidos esta tempada, para o que sería necesario crear unha mesa de traballo, coa participación dos grupos da corporación e do sector do taxi.
Contido do estudo
Co ánimo de contribuír nesta tarefa, desde o Grupo Popular propóñese algunha ideas como que o Goberno local impulse de forma urxente a realización dun estudio de mobilidade sobre o funcionamento habitual deste servizo, para determinar a conveniencia de ampliar as 147 licenzas de taxis existentes e contribuír a mellorar a prestación dun servizo fundamental para a veciñanza e para o crecente número de visitantes que se está a rexistrar.
Un estudo que permita coñecer os pormenores da prestación, aparece recollido na citada Lei de 2013 na que -a pesar de establecer para os concellos de entre 20.000 e 150.000 habitantes, con carácter xeral, unha limitación de 1 licencia por cada 1.000 habitantes- se abre a porta a que os propios concellos poidan establecer “un continxentamento específico para o seu ámbito territorial” diferente do previsto con carácter xeral, “mediante a tramitación dun procedemento que se iniciará pola realización dun estudo previo de mobilidade”.
José Antonio Constenla subliña que a propia Lei galega sinala que ese estudo de mobilidade deberá contemplar para o ámbito municipal o nivel de demanda e oferta de servizos de taxis; o nivel de cobertura, mediante os diferentes servizos de transporte público; a existencia de infraestruturas de servizo público, como as vinculadas á sanidade, ao ensino, aos servizos sociais e a espazos nos que se desenvolvan actividades deportivas e de ocio; e tamén a alternativa doutros sistemas de transporte de interese xeral ou outros factores que teñan incidencia na demanda de servizos de taxi; actividades de natureza comercial, industrial, lúdica e turística ou de natureza análoga que poidan xerar unha demanda específica de servizos de taxi; e, por último, o grao de satisfacción das persoas usuarias do taxi.
Para os Populares, o resultado dese estudo determinaría a conveniencia ou non de ampliar o número de licenzas e serviría para avanzar no procedemento regulado que inclúe a garantía dun trámite de audiencia ás entidades representativas do sector, sindicatos e asociacións de consumidores e usuarios, así como un informe do Consello Galego de Transportes, antes de formular a proposta que, se fose o caso, o Concello debería enviar á Xunta de Galicia para que emita no prazo de 3 meses o informe preceptivo e vinculante, previo á resolución da ampliación por parte do Concello.