Borja Verea, presidente dos populares composteláns e candidato á Alcaldía, esixiulle hoxe aos socialistas que “non sigan ocultando a súa incapacidade con insultos”. O Popular pediulles que “non se poñan nerviosos” e que teñan “un pouco de tranquilidade”, “hai uns días chamábanme facha, insulto do que aínda non recibín ningunha desculpa; despois dicían que tiña un caos na cabeza e agora que as nosas propostas son descabelladas”.
Verea Fraiz asegurou que o que “si é descabellado é gastar un millón de euros nun vehículo sen condutor que non funciona, descabellado si é facer anuncios á desesperada porque ven que non lle dan as contas tan facilmente”, e descabellado e tamén unha falta de respecto aos veciños é tamén “empezar a repartir millóns de euros a poucos meses das eleccións, cando non fixeron nada en todo o mandato”.
Así, o candidato popular á Alcaldía pediulles “un pouco de respecto ás propostas dos demais”, posto que as iniciativas Populares “son viables, solventes e están tecnicamente certificadas”.
O líder popular remarcou que o aparcamento no Campus Sur é “un proxecto traballado que iniciaremos se temos a confianza da veciñanza nos primeiros meses de mandato, xa que entendemos que é imprescindible para aliviar o tráfico no Ensanche e para revitalizar o comercio no centro da cidade”, e engadiu “non imos a renunciar á posibilidade de facer un parking na praza de Abastos como fixeron noutras cidades, se noutros sitios é posible, tamén Santiago ten que ter esa oportunidade, polo tanto, traballaremos para conseguir que ese gran aparcamento sexa unha realidade”.