O Grupo Popular no Concello de Santiago, a través do seu portavoz José Antonio Constenla, vai presentar una iniciativa no vindeiro Pleno de outubro, para instar ao Goberno local a iniciar e axilizar as obras de ampliación da ponte sobre a rede ferroviaria que une os lugares da Cañoteira e Argadán, na parroquia de Marrozos, por onde discorre a Ruta da Prata. O proxecto para esta mellora -que supón a ampliación da plataforma de 4 a 10 metros, incluíndo unha beirarrúa de 2 metros por un dos laterais- foi aprobado en maio de 2017, presentado ao POS+2017 da Deputación que financia a obra e  adxudicado o 4 de abril de 2022 -sendo formalizado vinte días despois-, por un importe de 205.646 euros.

Segundo estipula a normativa de aplicación, as obras deberían ter comezado no mes de maio, logo de transcorrido o mes previsto para a sinatura da acta de implantación, polo que, tendo en conta o prazo establecido no contrato para o seu remate, as obras deberían ter concluído no pasado mes de setembro. Porén, a día de hoxe a ponte e os seus accesos continúan no mesmo estado de precariedade sen que desde o Goberno se teña ofrecido ningunha razón para esta parálise.

Para o Grupo Popular, esta demora constata a falta de control, xestión e supervisión das obras que caracteriza ao Goberno local e vense á sumar aos clamorosos atrasos doutras moitas actuacións que superaron con creces os seus prazos e foron obxecto de sucesivas prórrogas, ou outras que permanecen sen iniciar, mentres está a anunciar outras novas. Como exemplo destas situacións temos as das rúas de Concheiros e do Hórreo, o aparcamento de Triacastela, o muro do Pombal, o selado do vertedoiro de Aríns ou as instalacións deportivas de Figueiras. 

A través da súa iniciativa, os populares reclamarán o inmediato inicio das obras da ponte de Marrozos e a redacción e posterior licitación do proxecto para enlazar esta infraestrutura coa estrada AC-960 (A Susana-Vila de Cruces), logo de que hai 5 anos se afrontara a mellora dunha 1ª fase duns 500 metros desde o cruce da estrada autonómica ata o Outeiro de Marrozos, Daquela quedou pendente a ampliación da plataforma para unha segunda fase un tramo duns 400 metros para acadar o paso sobre a antiga liña ferroviaria Santiago-Ourense.