Borja Verea, deputado no Parlamento de Galicia e candidato polo Partido Popular á Alcaldía de Santiago, tachou os Orzamentos do Estado presentados estes días de lentos e continuistas, aínda que destacou que resultan “máis cribles que os de Sánchez Bugallo”.

Para Verea Fraiz, por parte do Goberno de España “temos uns investimentos en Santiago que son continuistas e lentos, pero o certo é que algúns están en marcha e que polo menos seguen contando coa súa partida orzamentaria”, así se contemplan infraestruturas como a necesaria autovía cara Lugo ou a nova estación de tren que   lamentou, “debería ter chegado antes se se cumprisen os prazos con Santiago, como así fixo o Partido Popular coa estación de autobuses e a pasarela”. Destacou ademais que celebra que a depuradora siga presente nos orzamentos pero matizou que “volven incumprir cos prazos marcados por alongarse demasiado no tempo a execución dunha infraestructura tan necesaria para cidade”.

O candidato popular á Alcadía afirmou neste senso que “parece que Pedro Sánchez se contaxiou da falta de ambición de Bugallo coa cidade”, posto que aínda que Santiago aparece nos PXE “estamos a falar de proxectos xa en marcha e non apreciamos ningún novo investimento para Santiago, algo que amosa a falta de compromiso con Compostela por parte do Partido Socialista”.Aínda así, insistiu Verea, “é máis crible Pedro Sánchez que Sánchez Bugallo, porque de todas as promesas que este último puxo sobre a mesa nas últimas eleccións locais no ano 2019, xa non é que non teñamos nada en marcha, senón que nin tan sequera hai partidas orzamentarias, e falamos de compromisos electorais como as piscinas de Santa Marta, das que nada se sabe; ou a reforma do Restollal, da que nada se sabe nin orzamentariamente, nin tecnicamente, máis alá de que agora, tras catros anos de mandato sen facer nada, diga Sánchez Bugallo que vai pedir que lle dean cartos desde Madrid”, explicou.

O candidato á Alcaldía engadiu que ”nós seguimos traballando en proxectos para o futuro, estamos construíndo un programa electoral para un Goberno 2023-2027 con proxectos que son serios, solventes e tecnicamente viables, que iremos poñendo sobre a mesa para que os veciños poidan decidir, na primavera de 2023, se cren no noso proxecto ou se cren nos proxectos incumpridos por parte de Sánchez Bugallo”. Borja Verea insistiu en que os actuais dirixentes do pazo de Raxoi deberían “poñer sobre a mesa cal é o seu proxecto e cales son as súas propostas en vez de dedicarse a descualificar as do Partido Popular”.

Para Verea, o Grupo de Goberno “ten a credibilidade completamente liquidada, non cumpriron nada do prometido hai catro anos, e a expectativa está en ver que poñen no seu programa electoral, porque ou é unha réplica do 2019, que non fixeron nada e van ter que volver prometer o mesmo; ou calquera cousa que poñan sobre o papel non vai ser crible, porque perderon toda a súa credibilidade”.

Aparcamento Campus Sur

Como exemplo o presidente e candidato Popular destacou que, nos primeiros meses de mandato licitaremos e iniciaremos a construción do aparcamento no Campus Sur, “un aparcamento completamente subterráneo, que aliviará de vehículos non só o Campus, senón todo o Ensanche”.

Esta infraestrutura “facilitará e revitalizará todo o comercio do centro da cidade, terá tarifas reducidas e entendemos que ese é o xeito no que debe medrar a cidade, quitando os coches das rúas, deixando os coches nun aparcamento, facilitando a peonalización e a mobilidade alternativa, todo isto acompañado dun transporte público moderno, propio do século XXI”.