Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago polo Partido Popular, lamentou que a falta de capacidade de xestión por parte de Sánchez Bugallo o leve a repetir unha e outra vez as mesmas promesas de inversións millonarias para intentar conseguir máis votos.

Neste senso, Verea lembrou que o actual goberno socialista prometeu na súa campaña do 2019 a humanización do Restollal como unha das súas obras estrela e que nestes 4 anos non houbo nin un só movemento que deixase entrever a intención de Sánchez Bugallo de levar a cabo este proxecto. “Agora, ao ver que non lle dan as contas, volve a anuncialo a bombo e prato, como se os veciños de Santiago non tivesemos memoria”, insistiu, “pode haber na zona novos composteláns que non lembren este compromiso pero a maioría teñen a matrícula tomada a este tipo de promesas incumpridas”.

O candidato á Alcaldía Borja Verea destacou que “nós imos facer unha proposta para a transformación do Restollal porque é evidente que é necesaria, pero teremos en conta 3 premisas”. Así fixo fincapé na necesidade dunha modernización estética de toda a contorna, apostando por converter o Restollal nunha zona máis amable para os veciños, pero “hai que ter en conta o aparcamento, con dar un paseo pola parte de atrás do Corte Inglés xa queda clara a situación de saturación que aquí se vive”, advertiu Verea. E por último, afirmou, “non podemos obviar que estamos a falar dunha das principais entradas da cidade, que xa coas obras do vial de Clara Campoamor desviou tráfico cara ao barrio de Sar, e se se aposta agora por un embude nesa zona, convertiremos Sar ou Fontiñas nunha autopista paralela?”, sentenciou Verea.