O Grupo Municipal Popular, a través da súa vicevoceira María Castelao, preguntaralle ao Goberno Bugallo, no vindeiro Pleno ordinario, que accións ten realizado para levar a cabo o adecentamento do local municipal situado no nº 7 da rúa de Santas Mariñas, para a mellora da rúa Afonso X o Sabio e para o acondicionamento das sendas de Brañas de Sar entre o Carreiro de Picaños e o Colexio Ramón Cabanillas e, en especial, na conexión da baixada desde a Capela de Santas Mariñas a través da longa plataforma con varandas de aceiro inoxidable.

Os Populares decidiron levar este asunto novamente a Pleno como xa se fixera en decembro de 2020, posto que, unha vez transcorrido máis de ano e medio, desde a adopción daquel acordo no que o Goberno local se comprometía a levalo a cabo, nada se fixo.

Daquela, tendo en conta que se trataba de melloras reclamadas pola veciñanza e factibles sen necesidade de grandes investimentos, poñíase a atención no lamentable aspecto da fachada do nO 7 da rúa Santas Mariñas situada nas proximidades capela que lle dá nome á rúa que fora rematada por ese tempo. Unha situación que a veciñanza dubidaba que se lle admitira a calquera particular.

Tamén se acordaba o acondicionamento, nas proximidades da rúa Afonso X O Sabio, dun tramo estreito de apenas un centenar de metros, cheo de irregularidades, que é utilizado como atallo por moitas persoas que acompañan ás crianzas que acoden ao colexio Ramón Cabanillas como unha alternativa máis accesible para salvar o pronunciado desnivel da rúa do Campo do Amo.

En último termo, propoñíase actuar na mellora dos accesos ás Brañas do Sar entre a Colexiata e A Pontepedriña, sobre todo, entre o Carreiro de Picaños e o colexio Ramón Cabanillas, en especial o que descende preto de capela de Santas Mariñas e que, a pesar de contar cunha longuísima plataforma de baixada mesmo con pasamáns de aceiro inoxidable, remata abruptamente nun estreito vieiro de algo máis de 50 metros que conecta co tramo final da rúa do Carreiro de Picaños (tamén en moi mal estado) e finalmente cunha das sendas principais das Brañas.

O resultado desta sinxela petición é que o Grupo de Goberno decidiu facer caso omiso, situación que non é nova, posto que a maioría das aprobacións do Pleno, aínda que sexan por unanimidade, case nunca son tomadas en conta polo Goberno Bugallo.