Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago polo PP, asegura que presentará unha batería de medidas que transformen Santiago nunha cidade máis acolledora para as persoas con discapacidade, con políticas concretas nas que a accesibilidade se converta nun dereito universal real.
“A accesibilidade é un dereito universal, e polo tanto a ausencia da mesma é unha discriminación, os espazos públicos comunitarios deben estar adaptados a todas as persoas e as políticas locais e urbanas son clave nesta materia”, destacou Verea.
O deputado popular fixo estas declaracións dentro do ciclo de conversas abertas #SoñarSantiago, que se celebrou nesta ocasión no CGAC e na que participaron a vicepresidenta segunda de COGAMI, Mónica Álvarez San Primitivo; María Jesús Pérez Piñeiro, secretaria de ACADAR (Asociación Galega de Mulleres con Discapacidade) e Pily Casas, directora de “Entreruedas Turismo Accesible”.
Para Borja Verea, Santiago debe ser “unha cidade máis amable, accesible e humana” e, neste momento, a capital de Galicia non está a garantir a vida de todos os seus veciños “en igualdade de condicións”, polo que se comprometeu, se consigue a confianza dos veciños para gobernar, a “poñer en marcha unha batería de medidas para mellorar a cidade e convertela nun referente en políticas urbanas de accesibilidade”.
Entre as medidas anunciadas quixo destacar que “polo seu valor simbólico, transformaremos o Pazo de Raxoi, a casa de todos, nun lugar completamente accesible, xa que sería a mellor mensaxe de compromiso do meu goberno co dereito universal da accesibilidade”, salientou Verea.
Así mesmo, Borja Verea asegurou que un dos seus compromisos para as vindeiras eleccións municipais será “a aprobación dun auténtico Plan de Identificación de Barreiras que contará cunha programación e orzamentos plurianual blindando así as medidas acordadas”, tendo en conta que estas poden ser desde barreiras urbanísticas (beirarrúas estreitas, grandes pendentes, escaleiras sen rampas ata pavimentos irregulares), barreiras en edificios públicos (desde problemas estruturais ata cuestións menores como a propia altura dos mostradores) e tamén barreiras no transporte público.
Neste senso o candidato a alcalde Borja Verea adiantou a súa terceira medida “un transporte público plenamente adaptado ás persoas con discapacidade, para evitar escenas que moitas veces atentan contra a dignidade das persoas” xa que “a unha flota de autobuses indigna para a nosa cidade hai que engadir que moitos vehículos non son accesibles, algo impresentable no século XXI”.
Durante a conversa, os participantes engadiron outras cuestións que consideran que deben ser arranxadas de forma urxente, polo que deberían estar contempladas nos futuros programas para as eleccións municipais, como mellorar a accesibilidade dos lugares máis visitados, porque ser accesible para os turistas tamén é un activo para a cidade segundo Pyli Casas directora de “Entreruedas Turismo Accesible”.
Na mesma liña, a representante de ACADAR María Jesús Pérez Piñeiro apuntou que moitas veces esquecemos a perspectiva de xénero tamén en políticas de accesibilidade, incluso en cuestións xerais cando se deseña unha cidade, xa que algo tan habitual como unha rúa pouco iluminada está sendo discriminatoria coas mulleres, que non transitarán con seguridade, e iso tamén é vulnerar os seus dereitos.
A vicepresidenta segunda de COGAMI, Mónica Álvarez San Primitivo quixo destacar que as políticas de accesibilidade teñen que ser transversais e estar presentes en todas as decisións políticas, tamén en clave local, xa que afecta a todos os departamentos e é fundamental un compromiso político real, que se traduza en investimentos concretos, e espera que nas vindeiras eleccións municipais todos teñan esta sensibilidade.