O Grupo Municipal Popular reiterará no Pleno ordinario deste mes a súa petición para que o Goberno Bugallo adopte medidas co fin de evitar a okupación ilegal de vivendas en Santiago. Para elo, o vicevoceiro, Ramón Quiroga, volve a solicitar un acordo para que o Concello inste ao Goberno de España a que endureza as penas no caso de okupación do inmoble, sobre todo, no caso de mafias; e a recuperación do delito de usurpación de bens inmobles con penas de entre 3 e 5 anos; e que se proceda ao desaloxo da vivenda ocupada en situación de flagrante delito ou, en caso de que non o sexa, en 24 horas por parte da Policía ou, de ser o caso, nun máximo de 48 horas.
Nos últimos anos, aumentou o fenómeno da okupación ilegal de vivendas por parte das mafias en España, situación da que non é allea Santiago, onde periodicamente, os medios informativos dan conta de okupacións en distintas zonas como: rúa dos Roláns, Pontepedriña, Belvís, arredores dos barrios do Carme e de San Lourenzo, Costa do Cruceiro do Gaio, Algalia de Arriba, Conxo, Castiñeiriño ou Pelamios…
Así, o vicevoceiro Popular solicita ao Goberno Bugallo que actúe con responsabilidade e non mire para outro lado, como fixo cando, hai só dous meses, se produciu a okupación dunha vivenda na rúa do Medio, querendo ocultar un unha problemática que cada vez se produce máis na nosa cidade.O Popular reclama a modificación da Lei 49/1960, sobre propiedade horizontal, para habilitar ás comunidades de propietarios como persoas xurídicas para que poidan iniciar os procesos de recuperación da vivenda, en aras dunha mellor convivencia e evitando actividades nocivas ou ilícitas; que se poida evitar a inscrición no padrón municipal dunha persoa ocupante ilegal, así como solicitar que, se esta inscrición se ten producido, se considere nula e non constitúa proba da súa residencia, nin se lles atribúa ningún dereito. A tales efectos, os concellos darán de baixa de oficio ou a instancia do posuidor real lexítimo as inscricións en canto tiveran coñecemento delas.
Por outra banda, na súa iniciativa, Ramón Quiroga e tal como pediran os Populares nun anterior Pleno, solicita que o Concello axilice o estudo e, se fose o caso, poña en marcha un servizo de asesoramento dirixido a atender as situacións de ocupacións ilegais de vivendas, tomando en consideración propostas como:
- Formación específica a un grupo reducido da Policía local para que, ante calquera denuncia se active un protocolo de actuación previamente establecido, como a comunicación inmediata co Colexio de Avogados e a Comisaria da Policía Nacional;
- Convenio co Colexio de Avogados para o asesoramento inmediato;
- Aprobación do protocolo de actuación e elaboración de guías informativas, así como a súa incorporación na páxina web do Concello, todo iso, sen prexuízo da atención ás persoas con necesidade perentoria de aloxamento, para contribuír a preservar os dereitos constitucionais da propiedade privada e do dereito a unha vivenda digna.
As medidas propostas polo Partido Popular diferencian con claridade as situacións de vulnerabilidade ou exclusión social por motivo de vivenda e de protección ás familias en situación de emerxencia social; e, por outra parte, o fenómeno da okupación ilegal a que responde esta iniciativa. “A un ocupa non se lle desafiuza, desalóxase; e ao vulnerable, protéxeselle, sen que o Estado lle traslade á cidadanía as súas propias responsabilidades en ningún de estes dous casos”, destacou Ramón Quiroga.
Antecedentes
O Grupo Popular presentou xa varias iniciativas plenarias relacionadas coa necesidade primordial de modificar o marco lexislativo para combater a okupación ilegal no marco do Estado e para propoñer medidas de actuación no marco local como as que antes mencionábamos sen que, ata o momento, se rexistrara ningún avance significativo que incidira na resolución deste grave problema.
As tres vías xurídicas para protexer a vivenda que existen redundan na protección do dereito a vivenda e á propiedade privada, sen esquecer a función social determinada legalmente desta, pero ademais das medidas legais que hai para combater esta forma de delincuencia e salvagardar a propiedade ou a posesión lexítima e pacífica, o ordenamento xurídico debe ser adaptado e mellorado para permitir unha protección efectiva dos titulares de dereitos e, ademais, ha de ter en conta un ben xurídico a protexer que ata o de agora non tivo a debida consideración: a convivencia veciñal pacífica e respectuosa en aras da seguridade das persoas e as cousas.