Borja Verea, candidato á alcaldía de Santiago dos populares composteláns, tras a presentación dos Orzamentos por parte da Xunta de Galicia analizou polo miúdo os investivemtos que se levarán a cabo en Santiago xunto coa secretaria xeral do PPdG, Paula Prado, o voceiro do Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy e a deputada autonómica Carmen Pomar. 

Con respecto ás partidas orzamentarias, destacou que “son os orzamentos da Xunta do Partido Popular os que seguen transformando a cidade ante a falla total de iniciativa do actual alcalde que ten a Santiago sen rumbo e sen proxecto colectivo”. Neste senso hai que lembrar que as grandes infraestruras que se puxeron en marcha en Santiago foron grazas a un goberno do Partido Popular como “a nova estación de autobuses e a pasarela que une o Ensanche co Castiñeiriño e que supón xa un antes e un despois en Compostela”, ou o Polo Biotecnolóxico, “onde os orzamentos para a súa posta en marcha e desenvolvemento tamén foron grazas á decisión do goberno autonómico dos populares”.

Os orzamentos para Santiago neste 2023 seguen a mesma liña, teñen actuacións transformadoras e tamén queren seguir apostando polo cambio da base produtiva da cidade. Así, Verea, nos proxectos que van impulsar a cidade, quixo destacar a “gran vía peonil e para bicicletas de 12 kilómetros que unirá Milladoiro, co Hospital Clínico, coa Estación Intermodal e con San Caetano” e que “suporá que Santiago entre no século XXI da mobilidade alternativa”. Neste senso, o candidato á Alcaldía Borja Verea lembrou que foi grazas ao impulso dos populares que “defendimos desde o minuto un este proxecto, a pesar do contínuo boicot por parte do actual alcalde de Santiago que non cre no futuro”. Así apuntou “que non estamos falando dun carril bici, senón dunha moderna e sostible vía peonil e para bicicletas que transformará Santiago para facelo máis amable, máis humano e máis familiar”. “A execución debería iniciarse o ano que ven e rematar en 2024 e conta cos Fondos Next Generation da Axencia Galega de Infraestruturas ata un total de 12 millóns de euros” rematou o popular.

Na banda da aposta pola transformación da base produtiva, a Consellería de Economía e Industria e Vicepresidencia primeira “segue apostando por Santiago como capital da innovación e a biotecnoloxía cun orzamento acumulado só para 2023 que supera os 20 millóns de euros onde as principais partidas van adicadas ao Polo de Tecnoloxías Cuánticas e a continuar desenvolvendo a Estratexia e o Plan da Biotecnoloxía” anunciou Verea.

Ademais “dos máis de 70 millóns que suporá a ampliación do Hospital Clínico de Santiago e que conseguirá un incremento de espazo hospitalario de máis do 30%” Borja Verea quixo apuntar tamén “a modernización constante nos diferentes departamentos que supón que o CHUS sexa un orgullo para todos os composteláns e a súa comunidade sanitaria un referente para todos”, e nesa liña destacou para o 2023 algúns dos investimentos sanitarios máis importantes como “os 10 millóns de € para iniciar a construción do Centro Galego de Protonterapia, situado en fronte do Hospital Clínico e que dará servizo a toda Galicia desta nova técnica contra o cancro, os case 9 millóns € para rematar a reforma da área de farmacia e para iniciar a obra de ampliación do Hospital Clínico ou os máis de  7 millóns de € para renovar 1 Resonancia Magnética,  5 equipos TAC,  1 equipo de Neurovascular Intervencionista, 1 equipo de braquiterapia, 1 sala de hemodinámica e unha  Gammacámara. E tamén están reservados 730.551 € para o inicio da obra de reforma do centro de saúde de Conxo (Santiago).

Tamén constan no orzamento outras actuacións como a nova Cidade de San Caetanos orzamentada en 10 millóns de € ou a nova sede do Imelga en 3 millóns de €.

Pola súa banda, a deputada compostelá e Secretaria Xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, destacou que os orzamentos de 2023 da Xunta de Galicia contarán con máis de 9.000 millóns de euros para gastos social, o mais alto da historia de Galicia.

Prado salientou que o concello de Santiago tamén se beneficiará dese incremento orzamentario destinado a mellorar a vida das persoas e a situación económica das familias. Subliñou que “investimentos como a reforma para a mellora da residencia de maiores de Volta do Castro cun orzamento de 600.000 euros ou os 2 millóns de euros para o Cegadi demostran o compromiso do goberno de Alfonso Rueda coa cidade”.

A Secretaria Xeral indicou que para o ano 2023 destínase o triplo de orzamento que o pasado ano para a tarxeta benvida ou o bono coidado, e inclúese a educación gratuita total na etapa de 0 a 3 anos da que desfrutarán as familias santiaguesas.

O bono social térmico, o SAF, os bonos de dependencia, a atención a maiores e á discapacidade fan un total de 37,6 millóns de euros para Santiago, 8 millóns mais que nos orzamentos do 2022 nas partidas do ámbito social.

Paula Prado afirmou que os orzamentos para o ano 2023 están pensados para aliviar a complicada situación económica que están a vivir as familias e que xunto coas rebaixas fiscais aprobadas, permitirán que os santiagueses afronten mellor o incremento do prezo da cesta da compra, do recibo da luz ou do combustible.

Reunión do presidente da Xunta de Galicia co alcalde de Santiago

Borja Verea espera que “o alcalde de Santiago por fin se poña ao fronte da cidade, aínda que sexa nos últimos meses que lle quedan de mandato, e faga valer ante o presidente da Xunta a importancia de Santiago como capital do país e referente mundial como capital  cultural e espiritual”. “É o momento dunha nova autoestima e un novo orgullo de cidade, e o actual alcalde representa ao pasado, algo que demostrou nestes catro anos acomodado e sen iniciativa” apuntou Verea “agora é o momento da política con maiúsculas e non da pequena política”. Os asuntos que vai plantexar o alcalde ao presidente son cuestións menores que “xa tiñan que estar solucionadas polo propio concello” como é “o caos que eles mesmos crearon na regulación das vivendas de uso turístico, que só ten problemas en Galicia” ou “propoñer unha taxa turística que non son capaces nin de explicar como a queren, a quen lla queren cobrar e canto queren cobrar” salientou o candidato a Alcaldía.