O Grupo Municipal Popular, a través do seu voceiro José Antonio Constenla, esixiralle ao Goberno Bugallo, no vindeiro Pleno ordinario que, dunha vez, se teñan en conta as demandas de participación das parroquias do rural, como a formulada pola veciñanza de Bando, para a ampliación ou diversificación das actividades do programa “Vive o verán 2023”.

O Popular subliña que, recentemente, un numeroso grupo de veciños e veciñas de Bando presentaron ante o Concello un escrito pedindo que o seu centro sociocultural do Coto dos Olmos fose incluído como espazo para a celebración de actividades relacionadas con este programa de cara ao vindeiro ano 2023, posto que, incomprensiblemente, o ano pasado foron excluídos destas accións.

O programa lévase a cabo en determinados centros urbanos e tamén do rural, así, durante o pasado estivo activo nos centros urbanos do Ensanche, Fontiñas, Vite, Santa Marta, Potepedriña, A Trisca ou O Romaño; e tamén nos centros do rural de A Gracia, Figueiras, Nemenzo, Laraño, Lavacolla e Marrozos.