O Grupo Municipal Popular, a través do concelleiro Pedro Rey, pediralle ao alcalde Sánchez Bugallo que explique cal é o motivo polo que o Concello lle vai “regalar” 613.000 euros ao Goberno de Pedro Sánchez, facéndolle o proxecto de mellora da conectividade do barrio de Conxo, cando esta obra o tiña que levala a cabo o Goberno de España.

Así mesmo, Pedro Rey tamén quere que o Goberno Bugallo aclare o motivo polo que renuncia a cubrir a rotonda que hai neste espazo, tal como, inicialmente, propoñía un proxecto do Goberno de España. Os Populares pídenlle ao edil santiagués que desvele o misterio do por que nas rotondas de Romero Donallo e o Castiñeiriño se pode dar a “milagre” de estar cubertas e nesta, en palabras do propio alcalde, é imposible.

Desde hai case catro anos, no pazo de Raxoi, lévanse escoitando innumerables escusas, recorrendo á falta de diñeiro, para non levar a cabo melloras imprescindibles para a cidade e agora a veciñanza ten que sufrir unha nova ocorrencia do alcalde, en vésperas das eleccións municipais, que pode supor unha perda de máis de medio millón de euros dos veciños de Santiago, cando ben se poderían empregar para obter o que tanto se necesita en Santiago, como un servizo de transporte municipal deste século; un pago a autónomos e pequenas empresas correcto; un Plan de Mobilidade que nunca chega ou uns equipamentos deportivos dignos da capital de Galicia.   

Os Populares esíxenlle ao alcalde que se deixe a súa reiterada práctica de “contar historietas” cada vez que ten que explicar algún dos moitos incumprimentos que leva acumulado ao longo do seu mandato, no que se acumulan de forma alarmante cousas sen facer, servizos sen calidade e promesas incumpridas. Así mesmo, insistiu en que parece que o Goberno local só trata de tomarlle o pelo aos veciños de Santiago, ao convocar unha rolda de prensa para presentar un proxecto que podería custear o Goberno do Estado desde hai anos.

Anos sen solución

Cabe lembrar que o Pleno leva xa varios anos pedíndolle ao Goberno central que dea solución a este espazo, concretamente o 18 de febreiro de 2016, a través dunha Declaración Institucional na que textualmente se instaba ao Ministerio de Fomento a: “Preservar un espazo para a cidadanía na parte superior da rotonda de Conxo, favorecendo deste xeito unha conexión superficial moito máis amable e peonil queposibilite esa conxunción, sen antepoñer os intereses circulatorios que, en grande medida, van ter resposta co túnel.

O concelleiro Popular explica que, conforme a ese sentir, a Corporación vén reiterado nos últimos anos a través de diversas iniciativas dos diferentes grupos esta necesidade. Así, o anterior alcalde trasladou esta demanda nas entrevistas que mantivo e o Ministerio sempre mostrou a súa vontade de facer realidade ese proxecto de humanización que comprometeran varios ministros. Incluso nunha reunión no Ministerio o 5 de novembro de 2018, o secretario xeral de Infraestruturas chegou a entregarlle ao alcalde de Santiago un borrador de convenio para “abordar a execución e posterior mantemento da cubrición da rotonda de Conxo”. Na nota de prensa de Fomento xa se facía constar que “o correspondente proxecto xa foi redactado polo Ministerio de Fomento, cun importe estimado de obras de 200.000 euros”.

Polo tanto, existía xa un proxecto redactado polo Goberno central e un compromiso asumido polo Ministerio de Fomento para afrontar esta actuación.

Pero, como lembra Pedro Rey, a pesar destes antecedentes, no mes de abril de 2021, Sánchez Bugallo anunciou publicamente que o Goberno local ía encargar a un equipo de arquitectos un novo proxecto para humanizar a rotonda de Conxo para que elaboraran “unha proposta de integración”, co argumento de que os técnicos do Ministerio apuntaban que había problemas de seguridade no proxecto para cubrir a rotonda que formulara o anterior Goberno municipal, engadindo que quizais non foran suficientes os 350.000 euros que seica estaban previstos para esta actuación (aínda que a partida para esta obra nunca chegou a figurar detallada nos Orzamentos do Estado).

“A realidade de todo isto, desde entón, nada ten transcendido deste proxecto comprometido polo Ministerio de Fomento, sen que novamente no proxecto de orzamentos do Estado para o ano 2023 figure ningunha partida destinada a afrontar esta obra”, por iso, o concelleiro concluíu que haberá que esperar a un Goberno Popular para acadar unha solución ambiciosa e integral, executada no mandato 2023-2027.