“Grazas desde o presidente ata todos os voluntarios, compañeiros, afiliados, que nos arroupades, que me arroupades hoxe aquí. Grazas porque non hai para min responsabilidade pública máis importante que ser alcalde de Santiago, e polo tanto, non hai para min ningún reto máis motivador”.
“Nacín en Santiago, os meus tres fillos naceron en Santiago, e polo tanto é unha honra, está sendo xa unha honra e un orgullo enfrontarme na batalla política máis difícil que existe. As eleccións municipais son as máis complicadas, sobre todo cando é na túa cidade. As eleccións municipais son a nai de todas as eleccións, e polo tanto é unha honra e un orgullo loitar para ser alcalde de Santiago, loitar para ser alcalde de Compostela, loitar para ser alcalde da miña cidade”.
“Non é sinxelo, non está sendo sinxelo, pero se algo demostramos en Santiago é que non lle temos medo a ningún adversario, cada día somos máis, cada día somos máis fortes, en con toda a tranquilidade, con toda a serenidade, sen ningún titubeo dígovos que imos gañar as próximas eleccións municipais de maio, que imos conseguir esa maioría histórica e que imos transformar e construír entre todos a Compostela do século XXI.”
“Vai merecer a pensa construír un Santiago líder e protagonista, construír o Santiago de futuro que responda aos novos desafíos, ese casco histórico habitado e habitable, esas rúas que recuperen a alegría, que recuperen a vida, a vitalidade do noso comercio local, construír ese Santiago de vangarda con ideas vivas, con novos proxectos, con infraestruturas ambiciosas que nos leven novamente ao corazón da contemporaneidade, un Santiago máis amable, máis familiar e máis humano”.
“Construiremos un Santiago pensado para as familias, desde os máis novos ata os máis maiores, deseñado por e para as familias. Crearei unha área de familia como mensaxe e compromiso político que dependerá directamente da Alcaldía con orzamentos suficientes para atender aos nenos, para atender aos pais e para atender aos avós”.
“Eliminaremos o exceso de burocracia. Seremos os mellores aliados de todo aquel que decida achegarse a Santiago a investir, de todo aquel que decida achegarse a Santiago como sede para o seu negocio, serán atendidos desde o minuto un ata que poñan en marcha o seu negocio”.
“Eu escollín o servizo público, eu son funcionario público, pero gustaríame dicirvos que a política non é unha profesión, a política é unha paixón. Con toda esta paixón, con toda a miña enerxía, con todas as miñas ganas, pero sobre todo con toda a lexitimidade que me dá a miña única ideoloxía, unha única ideoloxía de 3 palabras: Santiago de Compostela”.
“Con esa lexitimidade, con esa enerxía, con esas ganas, eu pídovos que sigades traballando, eu pídovos que me sigades axudando, eu pídovos que sigades tendo as mesmas ganas de gañar porque imos conseguir esa maioría histórica, porque vou ser o alcalde de todos e porque imos construír entre todos a Compostela do século XXI”.