A vicevoceira Popular, María Castelao, pídelle ao Goberno local que redacte un plan de ordenación e usos da finca de Lamas de Abade que agora se dedica a viveiro e almacén municipal, para a súa posta en valor e apertura ao público e para iniciar un programa de rehabilitación por fases do seu patrimonio arquitectónico. Tal como indica Castelao, debería contarse coa colaboración de organismos e entidades públicas, nomeadamente o Consorcio, a Deputación da Coruña e a Xunta.
No pasado mandato, por iniciativa do Grupo Popular aprobouse por unanimidade unha iniciativa para a mellora e posta en valor da finca onde se asenta o viveiro municipal en Lamas de Abade, unha propiedade municipal que é unha gran descoñecida para boa parte da veciñanza, a pesar da súa importancia ambiental, histórica e artística. Nos seus terreos hai un viveiro de plantas e árbores que, que antano se dedicaba á produción a gran escala, agora oriéntase preferentemente á especialización nos coidados de especies danadas, que se van recuperando á beira das moitas árbores, acivros, camelias e outras plantas.
Entre as construcións da finca destaca o conxunto con capela, pazo, hórreo e o pombal. A capela (1828) esta abandonada, pechada por unha mesta vexetación que chega ata o mesmo tellado, no que desde hai anos medra un piñeiro proclamando o máis absoluto desleixo municipal. O pazo foi obxecto de traballos básicos, sen rigor, para asegurar o seu tellado e a súa estrutura, pero, como indica a concelleira Popular, a xulgar polas fiestras tapiadas a súa utilidade a día de hoxe debe ser escasa, a pesar das posibilidades que ofrece o tamaño do edificio e as súas axeitadas proporcións. Ao seu carón, outras edificacións de menor entidade apenas manteñen en pé as pedras das súas paredes, potenciando a imaxe de total abandono.
Xunto á capela, o pazo e outras construcións anexas, mantense un singular exemplar de hórreo de gran tamaño e de coidada cantería, xunto cun pombal e un peche de pedra en parte do seu perímetro, que conforman un conxunto digno de rehabilitación e de goce por parte da cidadanía e, en particular, da veciñanza do lugar de Lamas de Abade e do Castiñeiriño, que desde hai anos vén manifestando o seu interese por este patrimonio municipal.
Para María Castelao, a proximidade de centros educativos engádelle outro aspecto de interese á ordenación e a súa posta en valor, xa que podería actuar como espazo de acceso público para a divulgación de coñecementos e valores botánicos ou ambientais, partindo duns coidados xardíns, viveiros e árbores, ademais de achegar un fermoso lugar para o lecer e a convivencia que potenciara o contorno tan especial inmediato.
Castelao Torres explica que, vai para dous anos, este Grupo formuloulle unha pregunta ao actual Goberno para coñecer a súa postura respecto a este lugar. A pesar de concordar coa necesaria posta en valor e de sinalar a existencia “en carteira” dun anteproxecto para reforma e rehabilitación da finca “mesmo por fases”, ata o día de hoxe nada se ten feito a ese respecto.
Tras máis de 5 anos desde a adopción daquel acordo unánime para a súa mellora, ordenación e uso público, a propiedade mantense nun estado calamitoso, continuando a ser empregada como depósito para moitos e variados materiais, incluso o quiosco retirado da Praza de Vigo.
Roza e limpeza na contorna da liña férrea, entre a Clara Campoamor e As Fontiñas
María Castelao tamén volverá solicitar que o Goberno local tome, dunha vez por todas, as medidas necesarias -incluíndo a advertencia dunha execución subsidiaria, ao igual que se lle aplica ao conxunto da cidadanía- para lograr no prazo máis breve posible se realice a roza e limpeza nas proximidades da liña férrea, entre a rúa Clara Campoamor e As Fontiñas.
Castelao Torres denuncia que, no pasado mes de maio, o Grupo Popular presentou ante o Pleno unha pregunta oral para coñecer as iniciativas tomadas polo Goberno local para, de formar coordinada co ente xestor da infraestrutura ferroviaria -o ADIF-, limpar os tramos viarios que lindan coa vía férrea de forma paralela á Avenida de Lugo, que daquela -e hoxe aínda máis- mantiñan un aspecto de descoido e de acumulación de maleza impropios dun ámbito urbano por onde transitan a diarios centos de persoas e de vehículos.
“Despois das resposta evasivas e fóra de lugar, o concelleiro de Obras e o alcalde Bugallo informaron que xa se lle enviara facía dous meses un requirimento ao ADIF sobre esta cuestión e que volverían a reiteralo nos próximos días, transcorridos practicamente 5 meses sen que se teña producido a necesaria actuación, agravándose as súas consecuencias, pero a situación segue empeorando sen que ninguén do Goberno faga nada.
A desfeita da colocación dos bancos tras a reurbanización de Concheiros
Así mesmo, a concelleira, María Antón preguntará no Pleno se o Goberno local pensa retirar os bancos colocados nas proximidades da “zona pisable” na rúa dos Concheiros, situación que supón un perigo para o seu uso, e, de facelo, onde os pensa recolocar. A pesar do tempo transcorrido desde o seu inicio en novembro de 2020 e tras superar amplamente os 9 meses iniciais previstos, tal como denuncia María Antón, “as actuacións nesta rúa continúan a deparar desagradables sorpresas”.
Primeiro foi a “descuberta” dos accesos e baixos no subsolo que impediron completar a obra á espera dun proxecto para un tramo na metade da rúa; despois “detectáronse problemas co tipo de terreo e coa existencia de redes de saneamento” que impediron construír o novo aparcadoiro na rúa Triacastela, xa adxudicado a principios de 2021”; e a última -polo de agora- é a colocación de bancos nas “zonas pisables” da rúa, “a inédita e sorprendente clasificación ideada polo alcalde Bugallo para tratar de arranxar o desaguisado que supón que o autobús urbano teña que invadir o espazo peonil cando coincide con outro vehículo, tal e como ocorreu esta mesma semana”, subliñou.