O Grupo Municipal Popular, a través da concelleira Beatriz Cigarrán, reclamaralle ao Goberno Bugallo, no vindeiro Pleno ordinario que, se continúe coa extensión progresiva dos medios tecnolóxicos para acadar unha maior accesibilidade para as persoas con dificultades visuais nos semáforos e que se implemente esa mesma tecnoloxía no sistema de transporte público, tanto nas paradas como no interior dos vehículos.

Cigarrán Vicente explica que, coa colaboración coa ONCE, xa se puxo en marcha un proxecto piloto para implantar a tecnoloxía Pasblue nunha decena de semáforos da nosa cidade e que xa existe en moitas capitais españolas. Desta maneira, a través de mandos a distancia ou mediante unha aplicación instalada no móbil, as persoas invidentes ou con dificultades visuais poderían activar a demanda os avisadores sonoros dos semáforos para cruzar as rúas con seguridade, evitando que o son se active constantemente sen que sexa necesario.

Esta mesma tecnoloxía inalámbrica pode ser empregada coa mesma aplicación para activar mensaxes sonoras noutros servizos, polo que sería de grande interese a súa introdución no servizo de transporte público, ao permitir que tanto nas marquesiñas como nos novos autobuses -dos que, tal vez, algún día poderemos gozar- se poidan activar locucións dando información sobre as liñas, destinos e tempos de chegada á demanda, un sistema que xa está a ser empregado tamén noutras cidades, en colaboración coa ONCE.

A concelleira Popular lembrou que a mellora da accesibilidade será unha das prioridades de Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago, quen presentará unha batería de medidas que transformen Santiago nunha cidade máis acolledora para as persoas con discapacidade, con políticas concretas nas que a accesibilidade se converta nun dereito universal real.

Para o candidato Popular, “a accesibilidade é un dereito universal, e polo tanto a ausencia da mesma é unha discriminación, os espazos públicos comunitarios deben estar adaptados a todas as persoas e as políticas locais e urbanas son clave nesta materia”.

Falta de xestión e interese do alcalde Bugallo

A edil Popular tamén preguntará ao Goberno local sobre o que é un novo caso de falta de xestión e interese do alcalde Bugallo, concretamente pedirá que expliquen cando “considera” que poderán iniciarse e rematarse as obras do Centro Integral para a Inclusión Social de Belvís e que previsión manexa para a recuperación das actividades do Centro de Interpretación Ambiental do Concello de Santiago (CIAC) suspendidas hai máis de 4 anos, sen que, como é costume o Goberno do alcalde Bugallo teña feito nada para recuperalas.

O CIAC foi concibido en 2008, durante a anterior etapa do alcalde Bugallo, para asentalo no secadoiro da antiga fábrica de curtidos de Belvís. A obra de rehabilitación licitouse en marzo de 2011 e adxudicouse en agosto dese mesmo ano dentro do Programa Urbana Norte financiado con fondos europeos (254.242 euros).

Beatriz Cigarrán lembra que, ao longo de máis de 5 anos, o CIAC foi centro de multitude de actividades relacionadas coa natureza, a educación e a concienciación ambiental, con atención ao público e visitas guiadas, ata que a inicios de 2018, durante o Goberno de CA, se decidiu o cese da súa actividade para convertelo un Centro Municipal de Atención Integral a Persoas sen Fogar. 

Este centro, para o que se prevían destinar preto de 1 millón de euros, tiña unha dobre funcional: de acollida diúrna, con capacidade para 90 persoas; e de residencia temporal, na que se podían acoller ata 17 persoas durante ano e medio. O proxecto foi incluído na estratexia EDUSI para acollerse aos fondos europeos coa idea de que estivera en funcionamento en 2020.

Coa chegada de Bugallo á alcaldía de Santiago en 2019 desbotouse este proxecto de acollida e desde entón, o edificio -como outras moitas propiedades municipais- permanece pechado e sen uso, a pesar de que o Goberno de Bugallo o consideraba en 2008 un centro “pioneiro no noroeste peninsular”.

Desde hai máis de dous anos vense falando dunha reformulación do previsto Centro de Atención Integral para convertelo nun servizo unicamente diúrno ampliable a persoas en risco de exclusión social, coa denominación de Centro Integral para a Inclusión Social, que contou con partidas nos dous últimos orzamentos municipais sen que estas chegaran a executarse, o que supón un novo exemplo da incapacidade por parte do alcalde Bugallo e o seu equipo.

En maio de 2022, procedeuse á licitación da “Prestación do servizo de redacción de proxecto básico e de execución e dirección facultativa das obras do Centro Integral para a Inclusión Social, cofinanciada polo FEDER, dentro do programa operativo FEDER plurirrexional de España 2014-2020 nunha operación vinculada á EDUSI – REVIVE COMPOSTELA”, por importe de 105.629,13 euros. Segundo a última acta da Mesa de Contratación, celebrada o 5 de xullo, unicamente se presentou unha empresa que foi admitida, sen que ata o día de hoxe se teña constancia da adxudicación desta prestación.

Así, a Popular subliña que tendo en conta que nos pregos para a contratación se sinala un prazo de 2 meses para a redacción do proxecto e 12 meses para a execución das obras, no mellor dos casos o remate da totalidade dos traballos estaría ao límite para acadar a subvención íntegra da EDUSI, condicionada a un período que finaliza o vindeiro 31 de decembro de 2023.