A falta de control nos prazos e nos pagos de facturas; e a presión económica por falta de pago á que están sometidos os pequenos autónomos e traballadores que teñen relación co Concello de Santiago vén sendo unha constante desde que Sánchez Bugallo ocupa a alcaldía. Desde hai case catro anos, a peor concelleira de Facenda e o peor Goberno no económico da historia de Santiago están levando a cabo unha nefasta xestión económica, con numerosas facturas inpagadas que podería levar a moitas destas pequenas empresas á quebra.
O Grupo Municipal Popular ten advertido, desde hai moitos meses, do perigoso desta situación, polo que agora lamentan que as súas denuncias non se tiveran en conta por parte do Grupo de Goberno e que, nestes momentos, unha operación moi reclamada por parte da veciñanza, como a recuperación da Finca do Espiño, estea en perigo por culpa dos impagos do Concello.
Tal como explica o voceiro Popular, José Antonio Constenla, este Grupo leva reclamando a relación das facturas pendentes de pagamento no Concello, unha información que se lle está ocultar desde que, no mes de abril, se presentaraa primeira solicitude e unha segunda a inicios o pasado mes de setembro.
Esta situación amosa a pésima xestión do Goberno Bugallo tamén nesta materia, situación da que dan conta tamén os datos que periodicamente publica o Ministerio de Facenda, que sitúan ao Concello de Santiago como a cidade galega con maior importe de facturas pendentes”.
Constenla Ramos denuncia que “as facturas sen aboar chegan a un importe superior aos 10 millóns de euros, o que case duplica as cantidades das cidades de Vigo e A Coruña”. Segundo os últimos datos publicados, referidos ao mes de xullo, o Concello de Santiago está a tardar unha media de 73 días para pagar os seus recibos, cando a Lei marca que as administracións públicas non deben exceder dos 30 días. Así, o volume dos importes pendentes aproxímase ao récord establecido polo Concello en xuño, cando se acadaron os 11,7 millóns de euros, moi lonxe dos 3,3 millóns de euros que sedebían en xullo de 2021.