O Grupo Municipal Popular, a través do seu voceiro José Antonio Constenla, esíxelle ao alcalde Bugallo que asuma responsabilidades polo nefasto servizo de autobuses e que impida que os vehículos saian á rúa sen ter pasado unha auditoría. 

Para o Popular, “a situación actual é totalmente inadmisible tanto polo perigo que supón para os usuarios, vehículos que transitan nas inmediacións e peóns, como pola deplorable imaxe que se está dando”.

Constenla Ramos remarca que, na última semana, é incesante o goteo de vehículos estropedados espallados polas rúas santiaguesas, provocando atascos nas estradas e distintas incomodidades aos centenares de usuarios e a veciñanza.

A situación é un claro exemplo da desidia do Grupo de Goberno e, hai que sinalar, os Populares levan moitos meses denunciando o mal funcionamento do servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros, un servizo esencial que leva 6 anos prestándose sen contrato, sen que CA, no seu momento, e o alcalde Bugallo teñan feito nada para regular este servizo, polo que todo sinala que haberá que esperar a que a veciñanza lle dea a súa confianza ao candidato á alcaldía do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, para que a capital de Galicia conte cun contrato do servizo de autobuses en condicións.

Urxente convocatoria do Consello de administración de Tussa

Así, o Grupo Municipal Popular solicita tamén a convocatoria extraordinaria e urxente do Consello de Administración de TUSSA, empresa encargada deste servizo, e require que o alcalde Sánchez Bugallo, responsable máximo desta esperpéntica situación, proceda a dar as explicacións oportunas, “aínda que, como subliña o voceiro Popular, a situación actual é merecedora de algo máis que unhas explicacións, posto que non hai día na que non se produza unha incidencia considerable con estes vehículos, que non esquezamos transportan persoas”.

Así mesmo, o voceiro Popular anuncia que, no vindeiro Pleno ordinario, o seu Grupo presentará unha iniciativa para que o concelleiro responsable deste servizo, Gonzalo Muiños, aclare ante a cidadanía esta situación e, tanto el como o Goberno ao que pertence, deixen de agacharse en escusas de mal pagador. Así mesmo, José Antonio Constenla destaca que o Grupo Popular se reserva a posibilidade de solicitar as dimisións correspondentes no caso de que sexan necesarias.

Cabe lembrar que durante os últimos días foron varios os autobuses que quedaron atravesados nas rúas compostelás e, hoxe mesmo, o vehículo que facía a Liña 6 quedou destruído por mor dun incendio á altura do barrio de San Marcos.