O candidato á alcaldía de Santiago de Compostela do Partido Popular, Borja Verea, esixiulle hoxe a Sánchez Bugallo, en rolda de prensa, que asuma responsabilidades políticas xa e que constitúa unha comisión de investigación coa que se podan tomar decisións urxentes para frear o caos do servizo de transporte público en Santiago. Nesta comparecencia, o candidato popular á Alcaldía estivo acompañado polo voceiro José Antonio Constenla, e polo vicesecretario de organización Adrián Villa.

Verea Fraiz asegurou que a situación que se está vivindo co transporte público en Compostela “é extremadamente grave”, e lamentou que sexa a “única cidade cun servizo nestas condicións, cunha flota de autobuses cun alto grado de deterioro”, e que non haxa ningunha explicación por parte de Sánchez Bugallo. Así insistiu en que son xa moitos meses onde a veciñanza soporta “as avarías constantes dos vehículos, que contan, ademais, cunha antigüidade bochornosa e indigna”, situación que queda plenamente constatada nos partes da Policía local.

Borja Verea reiterou que ante esta situación “non hai nin explicación, nin reacción”, e alertou de que Sánchez Bugallo mentiu a todos os composteláns porque nas eleccións prometeu autobuses novos e catro anos despois os autobuses están máis vellos e en peor estado e “o peor da gravidade deste fraude xa non é a vagancia, a deixadez, o pasotismo, senón que se está poñendo en risco a vida dos nosos veciños”.

Comisión de investigación

“Por responsabilidade e por lealdade institucional, ante a parálise e o abandono do actual goberno e os seus socios, nós tomamos a iniciativa”, afirmou o líder popular, pedindo tamén que se saiba a verdade con total transparencia dada a extrema gravidade da situación, “os cidadáns merecen saber o que está a pasar”. 

Neste senso anunciou a solicitude formal da constitución dunha comisión de investigación “onde, con luz e taquígrafos e ante todos os veciños, se expliquen polo miúdo tres cuestións: primeiro, as causas do actual colapso dos servizo de autobuses na nosa cidade; segundo, as medidas urxentes e excepcionais que se porán en marcha para solucionalo, e, en terceiro lugar, valorar, no seu caso, a depuración de responsabilidades penais”, incidiu. Ademais acusou ao alcalde e aos seus socios de goberno de perder toda a crecibilidade polo que, afirmou Verea, “estas medidas teñen que adoptarse con total urxencia nesta comisión de investigación”.

O candidato á Alcaldía de Santiago polo PP destacou que, “ademais da comisión de investigación e por hixiene democrática debe haber responsabilidades políticas xa”, e insistiu en que “a cidade non se merece esta situación de colapso de todo o seu servizo de transporte público e que ninguén asuma a súa responsabilidade”, polo que, asegurou, “hai unha cousa clara e é que o actual concelleiro de Tráfico está incapacitado para seguir un minuto máis no seu cargo”, engadinto que “o verdadeiro culpable e responsable é o alcalde que co seu silencio está demostrando a súa covardía, porque ao non cesar ao concelleiro o que está facendo é utilizalo como escudo, e a súa irresponsabilidade, trasladando así á cidadanía a sensación de total impunidade”.

Así mesmo, Verea Fraiz dixo que “todos coñecemos os tres grandes sustos no servizo de transporte santiagués: o autobús incendiado en Aríns; o accidentado en Rodas, con 5 feridos; e o ultimo o autobús incendiado en San Marcos, polo que o candidato popular preguntáballe ao alcalde: que máis ten que pasar?”, e subliñou que o PP “non pode mirar cara a outro lado”, xa que “temos que ser responsables coas nosas obrigas, somos a única alternativa de Goberno hoxe en Santiago, xa que Santiago está gobernada por Sánchez Bugallo coa colaboración de Compostela Aberta e o BNG e esta coalición está arrastrando á cidade cunha xestión nefasta, a un desorde acelerado e a un colapso dos seus servizos básicos”.

Finalmente, o candidato á Alcaldía quixo lembrar a todos os cidadáns decepcionados que “dentro de 6 meses terán a oportunidade de elixir a un novo Alcalde”, apuntando que estará nas súas mans continuar ou non cos mesmos dirixentes que gobernaron a cidade os últimos 35 anos”. “Nós seguimos traballando para conseguir a confianza de esa gran maioría que nos permita por fin levar a Compostela ao século XXI, concluíu Verea.