O portavoz do Grupo Municipal Popular, José Antonio Constenla, preguntará no vindeiro Pleno ordinario deste mes de novembro sobre cal é o motivo polo que o Concello de Santiago non adxudicou e executou a obra de “acondicionamento de camiño agrícola en Requesende (Sabugueira)”, que contaba cunha subvención de 54.024 euros por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) dentro do Plan de Mellora de Camiños Rurais, concedida en xuño de 2021, equivalente ao importe total da obra.
O proxecto, que xa contaba coa pertinente autorización de Augas de Galicia, foi licitado hai máis de un ano (setembro/2021) “polo trámite de urxencia”, cun prazo de execución de 2 meses” recibíndose 15 ofertas de empresas, sobre as que a mesa de contratación emitiu o seu informe final o 15 de decembro de 2021, que foi o último trámite que consta realizado ata o día de hoxe. Estas obras permitirían a mellora da drenaxe e do pavimento dun deteriorado camiño, nunha lonxitude de 1,2 kms, para facilitar o acceso a un bo número de propiedades agrícolas da parroquia da Sabugueira, nas proximidades da cabeceira do aeroporto de Lavacolla.
Posible perda da axuda
Para o portavoz Popular este caso garda un gran paralelismo coa acontecido no ano 2020, cando o Concello de Santiago perdeu unha axuda de 47.377 euros, euros dento do mesmo programa autonómico para a mellora de camiños rurais, ante a demora do equipo de Goberno de Sánchez Bugallo que non foi quen de cumprir cos prazos establecidos na convocatoria. Para Constenla, “o desleixo e a inacción do Goberno local están a ser unha constante neste mandato, que afecta a todas as áreas de Goberno e que se manifesta na falta de execución do orzamento, na demora no pago de facturas, retrasos nas licenzas, servizos sen contratos e tamén perda de axudas que permitirían afrontar as moitas deficiencias presentes no sistema viario do termo municipal”.