O vicevoceiro do Grupo Municipal Popular, Ramón Quiroga, denunciou hoxe, unha vez máis, no Pleno extraordinario, o desbaraxuste e descontrol no Goberno de Sánchez Bugallo, quen segue sen pagar as facturas a tempo e esquécese de incluír outras partidas.
Concretamente, Quiroga Limia incidiu en que o servizo de transporte do Concello de Santiago, ademais de estar nun estado “deplorable e vergoñento”, o Grupo de Goberno débelle 830.000 euros, posto que non incluíu nos orzamentos para este ano as cantidades necesarias para a liña 6. Estas facturas que están sen pagar afectan a un servizo básico e esencial, condenado a continuas avarías, nas que se inclúen incendios dos vehículos.
Para o Popular, tempo houbo de ter solucionado este servizo, posto que xa estaba sen contrato no ano 2017, polo que ben se puido cambiar a flota de autobuses, que leva anos arrastrándose por Santiago adiante sen que se vexa unha solución.Na súa comparecencia, Quiroga Limia destacou a pésima xestión da concelleira Marta Abal, quen por eneísima vez neste mandato trae a Pleno uns expedientes extraordinarios de crédito para a súa aprobación, pero para a concelleira socialista a culpa desta situación é “dos outros” e nunca do Goberno de Sánchez Bugallo, cando hoxe mesmo trae a Pleno numerosas facturas, incluso algunhas do anos 2020, que están sen pagar.
Así mesmo, o vicevoceiro Popular remarcou o incumprimento do programa electoral do alcalde Bugallo e incidiu en que o Goberno socialista parece o “Goberno milanuncios.com”, xa que hai catro anos anunciaban un Plan de contratación onde parecía que todos os problemas de Santiago se ían corrixir cun investimento de preto de 800 millóns de euros, pero a tozuda realidade é que, este mesmo ano, tamén a bombo e platillo volvían a anunciar un segundo Plan de contratación, que obviamente, non é máis que o primeiro pero con distinto nome.
Durante a súa intervención, Ramón Quiroga subliñou tamén o “caos” no que está somerxido o Goberno Bugallo que ademais de incumprir co pago aos autónomos, profesionais e pequenas empresas, tampouco aboa os recibos das comunidades de propietarios, converténdose nun “moroso” que sofren algúns veciños nos seus propios edificios
Todo isto non é mais que o reflexo da ineptitude e incapacidade do alcalde Sánchez Bugallo e a súa concelleira, Marta Abal, que levan case catro anos poñendo desculpas e sen cumprir o seu propio programa electoral, nin os seus propios plans de contratación, nin coa cidade, nin cos seus veciños.