A concelleira María Antón esíxelle ao Goberno Bugallo, aínda que sexa por unha vez en todo o seu mandato, leve a cabo unha planificación clara para levar a cabo a substitución progresiva de pavimentos de empedrado ou chapacuña nas rúas de Santiago, tento en conta solucións acordes cos valores patrimoniais; e na que se sinalen as prioridades de actuación en orde a proceder á correspondente redacción dos proxectos.
Para a Popular, nesa planificación é imprescindible incluír, con carácter prioritario en atención aos especiais problemas de accesibilidade, a rúa de Enfesta, situada no barrio compostelán da Almáciga.
O obxectivo principal destas actuacións atendía a solucionar o deterioro destes pavimentos que, con frecuencia, mostran un perfil irregular, heteroxéneo, con desniveis e remendos que dificultan a accesibilidade e o tránsito, tanto de peóns como de vehículos. A mestura de formigón e granito proporciona unha maior resistencia, durabilidade e reduce o ruído, ofrecendo máis comodidade e funcionalidade.
Antón Vilasánchez explica que, desde hai décadas, os distintos Gobernos municipais veñen acometendo -con financiamento propio ou grazas a colaboración con outras instancias- a substitución dos pavimentos de empedrado ou chapacuña por formigón, con elementos transversais de granito, principalmente nos arredores do núcleo monumental da cidade.
Conforme a eses criterios realizáronse hai anos importantes melloras no Camiño Francés, en San Lourenzo, na rúa de Sar ou, máis recentemente, nas rúas Carretas, Espírito Santo, Patio de Madres, Castrón Douro ou Concheiros, por citar algúns dos moitos exemplos que se poderían enumerar.
“A pesar desas actuacións, aclara María Antón, na actualidade quedan aínda moitas rúas con este tipo de pavimentos irregulares (Hortas, Rosario, Bonaval, Loureiros..), que presentan un acusado deterioro e que agardan por unha planificación que sinale prioridades e sirva de guía para a afrontar a redacción dos seus proxectos e as previsións orzamentarias que fagan posible a súa necesaria transformación”.
Rúa Enfesta
Entre esas rúas, “queremos chamar a atención sobre a rúa de Enfesta que á súa condición de rúa con pavimento de chapacuña, engade unha circunstancia que incrementa o seu nivel para encabezar a orde de prioridades desta planificación: a súa configuración encostada que fai extremadamente difícil a accesibilidade peonil, dada a solución de sucesivas plataformas en escaleira adoptada no seu día, que impide os desprazamentos a persoas con mobilidade reducida”, subliñou.
A concelleira Popular remarca que a rúa de Enfesta, semella, ademais, unha illa no mar de reformas urbanas que se foron acometendo no seu arredor, marcando aínda máis a necesidade dunha actuación que consiga tamén unha harmonía coa súa contorna máis inmediata.
Precisamente, a rehabilitación levada a cabo hai poucos anos na paralela rúa do Escultor Asorey podería servir de modelo para a rúa de Enfesta, coa que aínda comparte o forte desnivel, mais non as importantes dificultades de accesibilidade que a rehabilitación conseguiu minorar de forma moi significativa.