Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago polo PP, valorou hoxe o cese de funcións e posterior dimisión de Javier Fernández como concelleiro do goberno.
Para Verea, este feito é un síntoma máis do estado de decomposición no que se atopa o goberno de Bugallo, “non me sorprendería que houbese máis xente que abandonase este barco que se atopa á deriva”, sinalou o tamén deputado popular. E é que de todos é sabido que “dentro da propia corporación hai un descontento por como está a facer Bugallo as cousas”, matizou.
“A falta de transparencia coa que Bugallo leva actuando durante estes 4 anos aparece tamén reflectida nesta remodelacións de funcións”, apuntou Verea Fraiz, da que se tivo coñecemento tan só pola publicación no Boletín Oficial da Provincia. “Non hai antecedentes dunha remodelación tan importante na historia da democracia de Santiago sen ningún tipo de explicación por parte do principal responsable do goberno”, lamentou Verea.
Neste senso Verea insistiu en que “haberá que esperar a ter todas as explicacións, tamén as do concelleiro cesado”, e preguntouse se o alcalde ten algo que ocultar para facer o que fixo “pola porta de atrás”. Así pediu “prudencia ante esta crise de goberno, non vaia ser que o seguinte que teña que marchar sexa o alcalde porque non está diciendo toda a verdade”.
Con respecto a acumulación de áreas por parte de Mercedes Rosón, Verea ten claro que Bugallo volve a equivocarse, “colapsando máis se cabe a unha concelleira que leva anos colapsada”. Se vemos as áreas máis deficitarias ou cunha xestión máis nefasta por parte do actual goberno coindicen coas responsabilidades desta concelleira”, apuntou o líder popular. Así, explicou, “é responsable do casco histórico, non só nestes catro anos, senón con moitos anos na súa espalda, e está a vista de todos que o casco histórico está nunha situación lamentable, sen veciños, sen investimentos, e que necesita unha auténtica revolución”; por outra banda, engadiu, “é tamén a responsable da área de vivenda, non se lembran momentos máis complicados en Santiago para conseguir unha vivenda de calidade e asequible”. “Neste senso, resulta curioso”, apuntou, “que tal e como están as súas competencias volva confiar nela para que asuma máis, pero todos sabemos os peaxes que Bugallo ten que pagar”.Sobre a transferencia da competencia de obras ao concelleiro responsable da situación dos buses na cidade, Verea sinalou que “non hai moito máis que engadir, unha carteira con tan importantes responsabilidades como pode ser a da xestión de obras pasa a un concelleiro que non foi quen de ver que os autobuses caían a trozos incluso cando ardían”.
O candidato á Alcaldía destacou que “estamos vivindo en directo o esgotamento dun proxecto acabado, onde desmostraron que nin tiñan novas ideas, nin tiñan ganas, e o alcalde e o goberno son o alcalde e o goberno da decepción incluso para os seus propios votantes”. E engadiu que “a min sorpréndeme o nerviosas que se esta poñendo o resto de forzas políticas porque non hai que esquecer que aquí o que temos é un goberno apoiado por CA e BNG, e que se en maio non conseguimos esa gran maioría, seguirán repartindo o pastel entre os tres. E puntualizou que “nós estamos traballando para o que será un novo goberno que merece Santiago, con novas ideas e con novas enerxías, que dignifique a cidade e que poidamos construír esa Compostela do seculo XXI.”