Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago polo PP, mantivo onte outra xuntanza dentro do ciclo de conversas #SoñarSantiago, nesta ocasión con entidades deportivas da cidade. Para falar da situación do deporte en Compostela, acompañárono o presidente do Club Hóckey Raxoi, Arturo Pereiro, e o coordinador deportivo do Victoria F.C., Francisco Javier García.

Neste encontro, ao que asistiron representantes de máis de 20 clubes deportivos, abordáronse temas tan importantes como a necesidade de apostar dunha maneira real polo deporte en Santiago, ou os problemas co cobro das subvencións.

Verea expuxo na súa intervención que, se consigue a maioría suficiente na primavera do 2023, o deporte terá un importante peso na súa política municipal posto que considera que “debemos recuperar o orgullo de cidade, somos a Capital de Galicia, e temos que empezar a captar grandes eventos deportivos e converter a Santiago nun referente do deporte”.

Así anunciou a aposta pola Cidade do Fútbol San Lázaro, coa construción de dous novos campos de fútbol a maiores do que xa se usa como campo de adestramento na contorna. Con estas novas instalacións pretende cubrir as necesidades que ten a cidade neste eido, e é que a día de hoxe con número de equipos de fúbtol que existen na cidade, resulta imposible que os clubes cubran as necesidades de adestramento e incluso cadrar partidos para que ninguén quede fóra. Na súa intervención, Verea explicou que as novas instalacións contarán cun graderío central que atenderá os dous campos. Ademais o edificio principal servirá de ximnasio e sala multiusos a disposición de toda a veciñanza.

“Necesitamos que Santiago se convirta nun referente a nivel Deportivo”, insistiu Verea, “e as políticas que se levaron a cabo na cidade nos últimos anos o que fixeron é todo o contrario, que cada día sexa más difícil sacar adiante un clube deportivo se non estás na elite”. E engadiu que “a posta en marcha desta Cidade do Fútbol servirá para devolver a Compostela á primeira liña en instalacións deportivas e cubrir unha demana histórica”.

En canto a instalacións deportivas pendentes tamén se comprometeu e poñer en marcha a piscina e pavillón de Santa Marta que Bugallo non foi quen de executar a pesares de ser un dos seus proxectos estrela, “outro síntoma da súa incapacidade de xestión”.

Sobre as pistas de Atletismo receñeceu que hai que arranxar as que están en San Lázaro para dar servizo aos clubes da cidade e pensar nunha ubicación para outras instalacións que permitan celebrar campionatos na cidade, “non pode ser que os nosos equipos teñan que marchar a competir a outras vilas ou cidades, parece que os están botando de Santiago”.

Nesa mesma liña de atraer competicións deportivas anunciou a creación dun equipo específico que se centre nesta tarefa para que poidan aterrizas en Santiago eventos internacionais, e como exemplo anunciou a organización do I Maratón Internacional, con chegada na Praza do Obradoiro.

Entidades deportivas

Arturo Pereiro, presidente do Club Hóckey Raxoi, reivindicou, durante a súa intervención, máis instalacións para un deporte que ten representación ao máximo nivel nacional, e que a día de hoxe teñen que desplazarse 80 kms para poder adestrar en condicións. Lembrou ademais que en repetidas ocasións ten solicitados máis espazos ao concello e que hai un problema na xestión dos mesmos.

Na mesma liña falou o coordinador deportivo do F.C. Victoria, Francisco Javier García, quen insistiu na falta de campos de fútbol na cidade e na pouca implicación por parte do goberno municipal nas actividades deportivas de Compostela.

No momento do coloquio todos os clubs coincidiron en que hai moito que arranxar en materia deportiva, de feito “non pode ser que o concello che diga que non crees máis equipos, que non collas máis nenos, porque os campos son os que son”, lamentou un dos asistentes. Outro punto coincidente foi a falta de piscinas no municipio, chegando a recoñecer algún que están barallando marchar para outros concellos onde contan con boas instalacións e a administración local lles facilita as xestións diarias en lugar de poñerlle trabas.